Novas e comunicacións

Novidades no control das artes de pesca

13/06/2017

Nas últimas campañas dos plans de captura de polbo e nécora, a Consellería do Mar iniciou unha experiencia piloto en aras de mellorar o control sobre a actividade extractiva dos recursos e sobre o uso de xeito regular das artes de pesca.

Por tal motivo, implantou progresivamente un sistema de control das artes de pesca baseado en dous elementos principais:

  • Etiquetas identificativas individuais para cada nasa.
  • Chips RFID para identificar as caceas.

Unha vez avaliada a iniciativa observouse que é suficiente, de cara a garantir o control sobre o uso das artes de pesca, a utilización dos chips RFID. Por tal motivo, coa recente aprobación dos plans do polbo e nécora para a campaña 2017-2018 exímese aos profesionais que participan nestes plans do marcado individual con etiquetas identificativas de cada nasa.

Nembargantes, sí se mantén o control a través de chips RFID, de tal xeito que nos extremos das caceas debe colocarse cercano á boia de fondeo un chip RFID que rexistrará información acerca da embarcación titular da mesma, así como do nº de nasas incluídas na cacea. A Consellería do Mar, antes da finalización da veda dictará as instrucións precisas para a adecuada colocación dos chips por parte dos profesionais do sector.

Con esta decisión facilitase o traballo dos pescadores en tanto que se manteñen as garantías sobre o control do correcto uso das artes de pesca no caso dos plans do polbo e nécora.