Logo de Pesca de galicia

Logo da Consellería do Mar

1.0.8

Pesca fresca e marisqueo

A importancia pesqueira e marisqueira de Galicia é un feito incuestionable que se evidencia nos máis de 80 núcleos de poboación nos que estas actividades constitúen unha base relevante das súas economías, do seu emprego ou das súas tradicións.

Sen menoscabo deste último aspecto, a cultura mariñeira, é o aspecto socio-económico das primeiras fases de actividade destes subsectores, nos que a plataforma tenta ofrecer información de interese e actualizada a través, entre outros, da dimensión da frota pesqueira e marisqueira (Rexistro de buques pesqueiros de Galicia e permisos de marisqueo a pé), do grao de ocupación que proporcionan (Ocupesca) e da comercialización en primeira venda nas lonxas e centros autorizados dos produtos froito da súa actividade (Estatísticas). Pero non debemos esquecer que a importancia destas actividades vai máis aló destas primeiras fases ao producir un efecto multiplicador no tecido económico galego a través dun conxunto de empresas relacionadas directa ou indirectamente coa comercialización, industria de transformación ou industrias auxiliares como estaleiros, varadoiros, subministracións navais, transportistas, asesorías, seguros...

A pesca e o marisqueo nas súas diversas formas e modalidades (unhas cun marcado carácter artesanal centrado na beiramar como a pesca de baixura e o marisqueo, e outras cunha orientación máis industrial centrada en augas comunitarias ou de terceiros países como a pesca de altura ou de grande altura), continúan sendo, unidos á industria de transformación e conservación, un dos primeiros axentes da economía galega.

Neste apartado da páxina web pódense atopar diversas utilidades relacionadas coa pesca fresca e o marisqueo ao servizo do sector e do público en xeral.

Por unha banda, a través de determinadas aplicacións informáticas con acceso restrinxido a usuarios autorizados das lonxas e confrarías de pescadores, posibilítase a realización de xestións vinculadas á actividade extractiva e comercial dos propios pescadores e mariscadores tales como:

  • Alternancia de artes. Ferramenta que da soporte á declaración da arte utilizada nunha data concreta por parte dos buques pesqueiros pertencentes ao censo de artes menores en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro diferentes posibilidades coas que contan no seu permiso de explotación.

  • Expedición telemática de documentos. Esta aplicación permite resolver a xestión dos documentos que deben acompañar os produtos pesqueiros para garantir a súa trazabilidade: declaración de recollida (para os produtos aos que non se lles realizou a primeira venda e se destinen a unha venda ulterior ou aprazada); documento de orixe (para o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos desde unha zona de produción ata o centro de concentración); documento de rexistro (para o transporte dos moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos desde un centro de concentración a un centro de expedición, centro de depuración, zona de reinstalación ou empresa de transformación e tamén para o seu traslado entre establecementos) e documento de transporte (para os restantes produtos aos que non se lles teña formalizada unha nota de venda e se transporten para a súa primeira venda a un lugar diferente do de descarga ou desembarque).

  • Envío de notas de venda. A través desta funcionalidade posibilítase a transmisión das transaccións comerciais en primeira venda efectuadas polos pescadores e mariscadores nas lonxas e centros de venda autorizados.

Por outra, posibilítase mediante acceso aberto a consulta da actividade destes subsectores, tanto no seu aspecto comercial en primeira venda, como de planificación. Deste xeito ofrécese a seguinte información:

  • Plans de explotación. Neste apartado póñense á disposición as fichas que resumen os datos mínimos sobre os plans de explotación anuais aprobados en Galicia ás entidades asociativas do sector, tanto no ámbito do Plan xeral de explotación marisqueira como para a explotación de poliquetos.

  • Reservas mariñas de interese pesqueiro. Permite consultar as resolucións que aproban os Plans de Xestión Integral das reservas mariñas de interese pesqueiro de Galicia, así como os documentos dos propios Plans de Xestión Integral que recollen as medidas específicas para cada unha das pesqueiras e zonas no ámbito das reservas.