Novas e comunicacións

Publicación dos plans de explotación marisqueira, dos plans de xestión de recursos específicos e das reservas mariñas de interese pesqueiro para o 2017

30/12/2016

Marisqueo

O Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2017, publicado no Diario Oficial de Galicia o 30 de decembro do 2016, establece unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo, como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.

A través deste Plan Xeral de Explotación Marisqueira a Consellería do Mar aproba un total de 93 plans de explotación. Deles, 45 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 48 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo.

Neste enlace pódense consultar as fichas, que resumen os datos mínimos sobre os plans de explotación aprobados e as zonas reservadas para a captura de poliquetos por parte dos pescadores de lecer nos plans de explotación para o ano 2017.

Recursos específicos

No Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2016 tamén se publicou a Orde do 22 de decembro de 2016 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos en Galicia para o ano 2017. O obxecto desta orde é aprobar os plans de xestión de recursos específicos para o ano 2016 que foron elaborados polas entidades asociativas do sector.

A través destes plans a Consellería do Mar aproba un total de 133 plans de xestión. Deles, 35 son para a extracción de percebe e 18 para equinodermos. Ademais 24 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 5 son para a extracción de peneira, 20 para algas e 9 para a extracción de anemona. Finalmente comentar que 22 plans autorizan á captura de poliquetos.

Reservas mariñas de interese pesqueiro

Dende a creación das dúas reservas mariñas de interese pesqueiro existentes en Galicia polos decretos 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a dos Miñarzos, e 28/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a de Ría de Cedeira, as actividades pesqueiras e marisqueiras permitidas nestas áreas desenvólvense no marco dos correspondentes plans de xestión integral.

Estes plans elabóranse a iniciativa dos representantes dos profesionais da pesca incluídos no ámbito destas zonas e as súas propostas son recollidas no seo dos seus respectivos órganos de xestión, seguimento e control, onde logo de someterse a debate e adoptarse os correspondentes acordos, envíanselle ao órgano competente da Consellería do Mar, Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, que os resolve.

Unha vez aprobados os plans de xestión integral das reservas mariñas de interese pesqueiro Os Miñarzos e Ría de Cedeira para o 2016, póñense á disposición para a súa consulta ambos os dous tipos de documentos, plans e resolucións, a través desta ligazón.