Novas e comunicacións

Posta en marcha dunha nova funcionalidade para a expedición de documentos vinculada ao TRACES

12/12/2016

O sistema TRACES (TRAde Control and Expert System) é unha ferramenta de xestión dos movementos de animais e produtos de orixe animal que proceden tanto do exterior da Unión Europea como do seu propio territorio.

Debido á obrigatoriedade imposta pola Unión Europea, na que se indica que os Estados Membros deben transmitir mediante o sistema TRACES toda a información contida nos documentos de certificación sanitaria preceptivos tanto para as importacións desde terceiros países (Documentos Veterinarios Comúns de Entrada) como para os intercambios intracomunitarios (Certificados para o Comercio Intracomunitario), xorde a necesidade de adaptar a aplicación existente de Documentos Telemáticos a este requisito normativo.

Coa finalidade de dar cumprimento a esta normativa europea establécese a posibilidade de vincular os documentos telemáticos, xestionados no ámbito da Plataforma Tecnolóxica da Pesca de Galicia, a través da aplicación de Expedición de Documentos Telemáticos, co sistema europeo de trazabilidade TRACES ou Sistema informático veterinario integrado.

Esta nova funcionalidade da aplicación de Expedición de Documentos Telemáticos, está a disposición dos usuarios, tanto dende o portal web da Plataforma Tecnolóxica da Pesca como dende os terminais TICPESC que a Consellería ofrece para realizar as obrigadas xestións de emisión de documentos, as 24 horas do día, os 7 días da semana.

A solución proposta está baseada no uso do documento de orixe para documentar o proceso de recolección do produto e o seu traslado, dende a batea ata o porto de descarga, completando a información asociada ao TRACES co proceso de rexistro de entrada en destino do documento.

Os pasos a seguir son os que se indican a continuación:

  • Realización do documento de orixe a través da Aplicación de Expedición Telemática de Documentos ou TICPESC.
  • Contacto co Servizo de Inspección e Control dos Recursos para a solicitude do documento de movemento TRACES.
  • O Servizo de Inspección e Control dos Recursos comunicará a referencia TRACES ao produtor no caso de aceptación do movemento, ou informará da súa denegación o que orixinará a anulación automática do documento de orixe inicialmente emitido.
  • No caso de aceptación do movemento o produtor procederá coa recolección da cantidade de produto indicada na data establecida no documento de orixe.
  • Á súa chegada ao porto, o operador portuario ou o produtor que documente a descarga realizará o rexistro da información correspondente á referencia TRACES e rexistrará a entrada en destino do documento de orixe.

Esta nova funcionalidade, que está posta á disposición dos usuarios desde o día 12 de decembro, ofrece polo tanto resposta á demanda de integración coa trazabilidade dos traslados TRACES imposta pola Comisión Europea en materia de sanidade animal e saúde pública.