Logo de Pesca de galicia

Logo da Consellería do Mar

1.0.8

Novas e comunicacións

Zonas reservadas para a captura de poliquetos polos pescadores de lecer

05/03/2014

Na Orde do 6 de febreiro de 1998, pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia, establecíase que as persoas titulares de licenzas de pesca de lecer non puideran extraer poliquetos en zonas nas que existisen plans de explotación para outros recursos.

Non obstante, zonas concretas do ámbito de determinados plans de explotación, sempre e cando non se interfira co normal desenvolvemento da actividade marisqueira, serían susceptibles de uso polos titulares de licenzas de pesca de lecer, e posibilitar a colleita destas especies para o seu uso como cebo na pesca deportiva.

Para o obxecto de buscar un punto de equilibrio entre ambas as actividades, a profesional e a recreativa, a Orde do 27 do decembro de 2013, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2014, introduce como novidade que as entidades asociativas do sector, no ámbito dos plans de explotación marisqueira, poidan reservar zonas mediante as que se lles ofrece aos titulares de licenzas marítimas de pesca recreativa en superficie a posibilidade de capturar ata 50 poliquetos ao día, sen interferir coa actividade extractiva do marisqueo profesional.

A dita Orde indica que as zonas reservadas polas entidades para esta actividade faranse públicas e poderán ser actualizadas durante este ano.

Deste xeito, a través da web da Plataforma Tecnolóxica da Pesca ofrécese a información sobre as entidades en cuxos plans existen zonas reservadas para o ano 2014 para que as persoas titulares de licenzas de pesca marítima de lecer poidan capturar poliquetos. Entre a información ofrecida, atópanse os datos e persoa de contacto da entidade para atender as consultas relacionadas, mapas de localización das zonas e as posibles recomendacións ou limitacións que poidan existir.

Unha información máis detallada sobre este asunto pode consultarse en “pesca recreativa” do apartado “De interese” deste sitio web, dispoñible nesta ligazón.