Novas e comunicacións
Publicación dos plans de explotación marisqueira, de poliquetos e das reservas mariñas de interese pesqueiro para o 2016
04/01/2016Marisqueo
O Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2016, publicado no Diario Oficial de Galicia o 30 de decembro do 2015, establece unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo e da recolección de algas; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo.
A través deste Plan Xeral de Explotación Marisqueira a Consellería do Mar aproba un total de 205 plans de explotación. Deles, 46 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 48 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo, 35 son para a extracción de percebe e 18 para equinodermos. Ademais 25 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 6 son para a extracción de peneira, 18 para algas e 9 para a extracción de anemona.
Poliquetos
No Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2015 tamén se publicou a Orde da Consellería do Mar para a extracción de poliquetos con carácter comercial. O obxecto desta orde é aprobar os plans de explotación para poliquetos (miñocas, fundamentalmente) para o ano 2016 que foron elaborados polas entidades asociativas do sector e regular as solicitudes e o prazo para a súa captura como cebo nas embarcacións de pesca.
Neste enlace pódense consultar as fichas, que resumen os datos mínimos sobre os plans de explotación aprobados e as zonas reservadas para a captura de poliquetos por parte dos pescadores de lecer nos plans de explotación para o ano 2016.
Reservas mariñas de interese pesqueiro
Dende a creación das dúas reservas mariñas de interese pesqueiro existentes en Galicia polos decretos 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a dos Miñarzos, e 28/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a de Ría de Cedeira, as actividades pesqueiras e marisqueiras permitidas nestas áreas desenvólvense no marco dos correspondentes plans de xestión integral.
Estes plans elabóranse a iniciativa dos representantes dos profesionais da pesca incluídos no ámbito destas zonas e as súas propostas son recollidas no seo dos seus respectivos órganos de xestión, seguimento e control, onde logo de someterse a debate e adoptarse os correspondentes acordos, envíanselle ao órgano competente da Consellería do Mar, Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, que os resolve.
Unha vez aprobados os plans de xestión integral das reservas mariñas de interese pesqueiro Os Miñarzos e Ría de Cedeira para o 2016, póñense á disposición para a súa consulta ambos os dous tipos de documentos, plans e resolucións, a través desta ligazón.