Ocupesca 2017



Prólogo


O VALOR DO NOSO MAR, O VALOR DAS PERSOAS QUE NEL TRABALLAN.

Sen dúbida, o maior valor do mar de Galicia reside nas persoas que nel teñen o seu medio de vida. Quen baixa todos os días á praia a mariscar, quen vai á batea ou quen sae entre as puntas do peirao para procurar o mellor do noso mar son os protagonistas dunha historia de sacrificio e traballo que fai de Galicia unha rexión punteira nesta materia a nivel mundial.

Amais desa historia sobre unha tarefa épica, non debemos esquecer que nesas persoas se garda o máis importante do noso futuro como comunidade pesqueira: o saber facer. Ese coñecemento é o que garda a alma de permanencia da nosa pesca, do noso marisqueo ou da nosa acuicultura e témolo espallado por todos os mares do mundo para plantar, criar e afianzar o que hoxe somos: unha metrópole no eido marítimo-pesqueiro.

Por iso podemos dicir que as persoas son o maior valor do noso mar. E por iso podemos sustentar que aquela petición de equilibrio entre os ámbitos ambientais, económicos e sociais que formulabamos na pasada reforma da Política Común de Pesca tiña toda a razón de ser. Quixemos ese plano de igualdade porque entendíamos, e así nolo demandou o noso sector no Consello Galego de Pesca, que deberíamos ter tamén un Rendemento Máximo Sostible de xente do mar. Necesitamos garantir o futuro dos peixes, pero sobre todo, dos pescadores.

De aí que o enfoque da crise económica, trasladada ao sector marítimo-pesqueiro, fose destinado a gañar competitividade, ben axustando frota ou ben mellorando os equipamentos e a demanda de produtos do mar. Agora, tras moitos anos rebaixando cifras, temos unha liña ascendente no emprego relacionado co mar, dispoñendo dun avance positivo neto entre 2015 e 2017 que é especialmente sensible no mundo da pesca, que gaña case un 7% en termos de persoas embarcadas.

Esta cifra referenda non só a boa evolución dos niveis de afiliación ao Réxime Especial do Mar, senón que se ve acompañado por volumes de descargas e vendas en positivo, que avanzan superando medias e que fan que os termos económicos da actividade sexan tamén positivos. Por último, as últimas estimacións científicas e as decisións sobre posibilidades de pesca sosteñen que as nosas frotas se atopan en niveis de sostibilidade en canto aos termos ambientais da súa labor, o que equilibra os tres pés desta ecuación que nos debe levar ao futuro.

Xa que logo, agardamos que esta boa evolución do emprego no mundo do mar sirva como aliciente para acadar o gran obxectivo da nosa estrutura marítimo-pesqueira: a remuda xeracional. O noso mar ten futuro se as persoas que traballan nel teñen futuro. Por iso seguimos pensando e acreditando en que o máis importante do noso mar son as galegas e galegos que nel traballan.


Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar