Ocupesca 2011



Presentación


Falar de Galicia é falar necesariamente de mar. Esta comunidade desenvolveu arredor do océano toda unha actividade puxante en saber e en xeración económica e a súa importancia social e laboral plásmase en cada vila da costa, cuxas actividades marítimo-pesqueiras chegan a acadar, nalgúns casos, cifras importantes en termos de emprego.

Mais, ás veces, levar a un termo numérico esa importancia percibida por todos non é doado e esixe dun traballo estatístico e de análise que require un amplo esforzo. Aínda así, sabemos que coñecer esta información e plasmala en cifras exactas é clave na valoración en xustos termos da importancia socioeconómica da pesca, do marisqueo e da acuicultura galega.

Por este motivo, a Xunta de Galicia asumiu o reto e adoptou a decisión de levar adiante o estudo Ocupesca mediante a Enquisa sobre a poboación ocupada nos sectores da pesca e da acuicultura mariña en Galicia.

Primeiramente, obtívose información de alto interese e aplicación e acumulouse a experiencia no desenvolvemento deste tipo de estudos, o que nos permitiu levar as enquisas e os seus resultados a toda a frota con porto base en Galicia.

Polo tanto, na edición deste ano disporemos dos datos correspondentes a todas as frotas galegas, feito no que ten moito que ver o esforzo, a dedicación e o traballo dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar encargados dos rexistros e das análises das actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas, así como a colaboración do Instituto Galego de Estatística.

Son eles, coa axuda do sector profesional marítimo-pesqueiro, quen lle dá forma a este estudo e a quen lles debemos dar as grazas, xa que son quen nos permiten desenvolver este traballo, que é a chave para abrir portas no avance pola liña que nos marca Europa, e que ten que ver coa mellora da información e do coñecemento das actividades ligadas ao mar.

Sen dúbida, os vieiros que a reforma da política común de pesca vai adoptar requiren desta mellora das estruturas de información e moitas das medidas esixirán contrapor e avaliar en termos prácticos os aspectos sociais e económicos para dispoñer dunha xusta e equilibrada decisión.

Neste sentido, os datos que nos achega Ocupesca son un piar fundamental nesa capacidade de orientación das decisións, e permiten sacar, grazas ao seu conxunto, unha foto real das dimensións sociais e económicas que teñen a pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.

Sen dúbida, estes serán os alicerces da estrutura que reflectirá o importante volume laboral e produtivo das nosas actividades marítimo-pesqueiras e servirán para poñer negro sobre branco o peso e o potencial destas, o que nos permitirá establecer comparanzas con outros espazos xeográficos ou temporais e ver así a evolución e a orientación da influencia do mar en Galicia.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar