Ocupesca 2011



Introdución


Na nosa comunidade autónoma, as actividades profesionais relacionadas co mundo do mar posúen unha especial transcendencia e representan en determinadas zonas costeiras un verdadeiro motor de desenvolvemento económico e social, ademais de constituír un importante soporte do noso acervo cultural. No xermolo destas actividades atópanse, sen lugar a dúbidas, a pesca e a acuicultura, das que Galicia segue a ser unha referencia significativa nos ámbitos nacional, europeo e mundial, tanto en termos produtivos coma pola poboación con dependencia directa da propia actividade extractiva da pesca, da acuicultura e sectores asociados, como empresas de transformación, comercialización ou de subministracións.

Ao tratar o tema da ocupación na pesca, como referencia habitual empréganse os datos de afiliación ao réxime especial do mar, que inclúen un amplo abano de colectivos, pero que no referente ás poboacións de traballadores dedicados directamente á pesca resultan pouco específicos. Diante desta carencia informativa, hai tres anos xurdiu o proxecto Ocupesca, formulado nun principio como unha experiencia dirixida a enquisar unicamente as unidades de pesca con porto base nesta comunidade que tivesen como caladoiro o Cantábrico-Noroeste, co obxectivo de obter información suficiente para estimar a poboación dedicada á pesca extractiva a bordo destes buques, así como para coñecer outra serie de indicadores socioprofesionais dos traballadores, de cara a obter unha imaxe da estrutura da poboación, como a idade, o xénero, a nacionalidade, a situación laboral ou a formación.

Logo dos interesantes datos recompilados neste período inicial, no 2011 decidiuse afondar aínda máis na recollida de información e, para iso, estendéronse as enquisas a todos os buques que tivesen porto base en Galicia e diferenciouse entre a frota de baixura, a frota de altura e a frota de grande altura. As necesidades de contar con información suficiente sobre outros sectores produtivos relacionados cos recursos mariños levou a que, adicionalmente, se trasladase a experiencia adquirida aos establecementos que realizasen cultivos mariños nas augas desta comunidade.

Así mesmo, para ter un mellor coñecemento destes sectores incluíuse un módulo dentro do cuestionario sobre determinadas variables económicas co obxectivo de obter información económica do sector. A dita información ten un ámbito temporal diferente ao resto da enquisa, e está referida ao exercicio 2010. As unidades informantes non disporían no momento da enquisa de datos referidos a 2011, por non estar finalizado o ano e, polo tanto, non ter as súas contas elaboradas.

Esta enquisa é unha operación estatística incluída no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. A coordinación do proxecto realizouse dende o Servizo de Análise e Rexistros, da Secretaría Xeral do Mar, da Consellería do Medio Rural e do Mar. O traballo de campo e informe de resultados desenvolveuno a empresa Instituto Sondaxe. O Instituto Galego de Estatística (IGE) achegou importantes suxestións á parte xeral e, de xeito máis específico, participou no referente ás características económicas, tanto na fase de deseño coma na elaboración dos resultados derivados das variables económicas que acompañaban o módulo xeral da enquisa.

Por último, convén salientar que para a toma de decisións que definen as novas actuacións en política pesqueira é básico dispor de documentos coma este, que nos amosen as características e a estrutura da poboación con traballo dependente da pesca. Con este estudo, a Administración pesqueira galega pretende ademais pór á disposición do público interesado un documento actual centrado na descrición das ocupacións dos sectores pesqueiro e da acuicultura en Galicia e non só mediante esta publicación, senón tamén mediante a súa difusión na plataforma tecnolóxica da pesca: www.pescadegalicia.com.