Anuario de pesca 2009



Lonxas


Tal como xa se comentou na introdución, ao longo deste ano tiveron lugar cambios na relación de establecementos que se presentan neste anuario; así, decidiuse xuntar baixo a mesma denominación algún dos establecementos de primeira venda (vendedurías) que realizaban a actividade na mesma lonxa; isto permite presentar a información de xeito moi agrupado e resolve algunhas das dúbidas que nos transmiten os usuarios deste libro. A partir de agora cando se realicen consultas sobre evolución de datos débese procurar revisar ben o agrupamento; deste xeito no porto de Vigo agrupáronse todas as casas vendedoras baixo a denominación de lonxa de Vigo, isto mesmo tamén se realizou para a lonxa de Marín.

Como en edicións anteriores, establecéronse dous grupos da vinte primeiras lonxas por cantidades vendidas e por facturación. A continuación comentamos o ocorrido durante 2009.

Prelación de lonxas segundo as cantidades vendidas:

A relación das lonxas polas cantidades é moi similar á de anos anteriores, e así pódense establecer una serie de estratos:

  • Grupo I: son aquelas lonxas que superan as vinte mil toneladas de produtos pesqueiros comercializados. Está composto polas lonxas do porto de Vigo, Ribeira, A Coruña, Burela e Celeiro. Estas lonxas caracterízanse por recibir frotas que se dedican á pescada, principalmente en caladoiros da UE; ao xurelo, ao lirio e á xarda pola frota de arrastre de litoral. No caso de Vigo, ademais, recibe volumes importantes doutras especies como os rapantes, o mendo limón e o peixe sapo.
  • Grupo II: son aquelas lonxas que comercializan máis de dúas mil toneladas; son un total de catro lonxas que teñen en común recibir especies peláxicas procedentes da frota de cerco. Tanto Cambados como Muros tamén presentan unha importante actividade de venda de moluscos bivalvos.
  • Grupo III: son aquelas lonxas que comercializan máis de mil toneladas; son un total de sete lonxas nas que segue a predominar a venda de especies peláxicas. Hai dúas situacións interesantes para comentar; por un lado, está a lonxa de Marín con tradición na venda de peixe de frotas de litoral e incluso de altura, mais nos últimos anos estase producindo un desprazamento da mercadoría cara ao porto de Vigo, e incluso parte da frota xa desembarca directamente neste último porto; a outra situación interesante é a lonxa de Noia, maioritariamente comercializa moluscos bivalvos do marisqueo. As épocas de extracción de bivalvos está limitada aos tres primeiros e os tres últimos meses do ano prodúcese unha comercialización que supera as mil toneladas.
  • Grupo IV: son o resto de lonxas que realizan actividade comercial e que está formada polas establecementos de primeira venda restantes. Neste grupo xa aparecen distintos modelos de actividade, a maioría basean a súa actividade na venda de produtos do marisqueo, completado con especies procedentes da frota artesanal, que ademais en moitos casos oferta os seus produtos en períodos moi concretos nos que estás autorizadas as capturas de especies.
  • Prelación das lonxas segundo os importes de facturación:

    Se continuamos co criterio de agrupar por niveis de facturación, teriamos os seguintes grupos:

  • Grupo I: lonxas que superan os trinta millóns de euros. Coinciden coas lonxas citadas no primeiro grupo de cantidades, hai unha modificación na orde de clasificación, que afecta á lonxa de Ribeira que presenta o prezo medio de produtos máis baixo do grupo.
  • Grupo II: lonxas que superan os cinco millóns de euros. Son sete lonxas, e a maior parte delas basean a súa actividade na comercialización de bivalvos e débese destacar nalgunha delas os altos prezos medios dos produtos que superan os oito euros, ademais na Illa de Arousa débese ter en conta a achega da venda do camarón.
  • Grupo III: lonxas que facturan máis dun millón de euros. Son vinte e unha, repartidas por todo o litoral. Neste grupo podemos encontrar lonxas que centran a súa actividade nos bivalvos como Cabo de Cruz, A Pobra do Caramiñal, Campelo e Moaña; outras que teñen unha importante achega grazas ao percebe como Baiona, Aguiño e Cangas; finalmente o resto do conxunto que presentan unha variada oferta de produtos.
  • Grupo IV: lonxa que facturan menos de un millón de euros. Son un total de vinte e oito establecementos, a gran maioría destas lonxas basean a súa actividade no marisqueo de bivalvos e o resto teñen unha oferta de cefalópodos, peixes e crustáceos moi variada.
  • As primeiras análises dos documentos de transporte emitidos a través das aplicacións telemáticas da Plataforma tecnolóxica da pesca amósannos que moitas das lonxas dos grupos III e IV emiten con regularidade documentos de transporte con destino ás lonxas do grupo I. En próximas edicións procurarase presentar información sobre os desprazamentos dos produtos pesqueiros entre as lonxas de Galicia.