Especies
Como en edicións anteriores, dedícase un capítulo á análise das vinte especies máis representativas tanto en cantidades como en importes.
Na prelación por cantidades hai moi poucas variacións, sae da listaxe o grupo das raias e o polbo cabezón, que son substituídos polo coreano e o sanmartiño; destaca que durante este ano a sardiña tivo un descenso importante, o que provoca un desprazamento de posto, mais a súa revalorización en prezo medio orixina unha substancial mellora na facturación. No que respecta á prelación por importes, as variacións que aparecen son en canto ao posto na relación; deste xeito 13 das principais especies son peixes, catro son bivalvos, dous son crustáceos e un é cefalópodo.
As especies de peixes peláxicos son as que presentan os prezos medios anuais máis baixos, en tanto que crustáceos e bivalvos son os que presentan os mellores prezos medios. Xa se vén comentando que a caída dos prezos medios é xeneralizada, de aí que todas as especies destas relación non poida escapar desta situación e, agás algunha situación excepcional, na maioría dos casos hai caída dos prezos medios anuais.
Peixes
A pescada (HKE) segue un ano máis a incrementar as cantidades vendidas, que se reparten entre frotas do seguinte xeito: 29,36% na frota que faena en augas comunitarias; 27,08% na frota de arrastre do caladoiro nacional (arrastre de litoral); 16,55% de buques con pavillón comunitario non español; 11,02% de buques de pavillón español non galego; 7,16% da frota de enmalle que faena no caladoiro nacional e 5,47% da frota de artes menores. As principais lonxas nas que se vende pescada son, por esta orde, a lonxa do porto da Coruña, Celeiro, Burela e Ribeira.
No que respecta ao apartado económico, a venda de pescada non alcanzou niveis doutros anos, xerando un dez millóns de euros menos que no ano 2008.
O xurelo (HOM) tamén presenta unha liña ascendente nas cantidades vendidas desde hai catro anos. Este ascenso non se ve acompañado pola constancia nos prezos, que oscilan non contorno dos 0,80€/ quilo. A maior actividade de pesca desta especie concéntrase entre os meses de maio e outubro onde se acumulan as dúas terceiras partes das cantidades totais; pola contra, os mellores prezos alcanzáronse no primeiro trimestre e nos dous últimos meses do ano datas nas que se superou un euro por quilo. As cantidades acumuladas en 2009 repártense entre a frota de arrastre do litoral e cerco que achegan o 92,51% do total vendido nas lonxas galegas; entre estas últimas, as que concentran máis vendas son, por esta orde, a lonxa do porto da Coruña, Ribeira, Burela e Celeiro.
En canto á facturación, foi mellor que no ano anterior, mais os prezo medio anual situouse por debaixo do prezo medio do ano 2008.
A xarda (MAC) estivo durante o 2009 sometida a unha veda por esgotamento do TAC correspondente a España para esta especie; este feito representou unha seria dificultade para as embarcacións dedicadas á súa captura. Aínda así, o ano 2009 presentou un incremento de máis de oito mil toneladas; este incremento da oferta causou unha importante incidencia no prezo medio, que descendeu en 0,14€/quilo, unha baixada moi significativa dado o seu prezo medio por debaixo do euro. A frota de arrastre do litoral con máis de dezasete mil toneladas e a frota de cerco con preto de tres mil toneladas achegan ás lonxas 82,81% das cantidades vendidas.
Lirio (WHB), esta especie tamén aumentou a súa presenza nas lonxas, posto que se achegou á primeira venda un terzo máis que no ano anterior. Este aumento non se recolleu en ingresos e na caída do seu prezo medio anual. A frota de arrastre de litoral con dezaseis mil toneladas captura a case totalidade do lirio que se comercializa en lonxa. As lonxas de Ribeira, A Coruña e Celeiro concentran a maior parte destas vendas.
Xarda pintada (MAS), tamén coñecida como estorniño, foi unha especie alternativa para as frotas dedicadas á captura da xarda, de aí que se incrementaran as súas vendas nas lonxas ata alcanzar un aumento de case o sesenta por cen sobre as do ano anterior, e os ingresos tamén aumentaron de xeito substancial. Os portos onde se realizaron a maioría das vendas desta especie son Ribeira, Portosín, Vigo e A Coruña.
Sardiña (PIL), esta especie tivo un comportamento de explotación do recurso e rendemento económico modélico, xa que mentres diminuíron de xeito apreciable as cantidades vendidas a demanda provocou unha elevación do seu prezo medio e, en consecuencia, os ingresos procedentes da facturaciónaumentaron; así, con preto de mil toneladas menos traídas á lonxa xeráronse dous millóns e medio de euros máis.
Bivalvos
Ameixa fina (CTG) presenta os mellores resultados en cantidades dos últimos cinco anos, en cambio os ingresos non mantiveron esta tendencia situándose por baixo dos 16 millóns de euros, destaca o feito que o prezo medio deste produto situouse por baixo dos 20,00€/quilo, seguindo a tendencia de descenso acumulado durante estes últimos anos. A ría de Arousa (Zona III) concentra o 64,12% do total de quilos vendidos en Galicia, O Grove seguido de A Illa e de Cambados son os lugares, xunto coa lonxa de Noia, onde máis se captura e se vende esta especie. O 58,54% desta ameixa é facturada polos titulares de permisos para o marisqueo a pé, o 41,46% restante é facturado polas embarcacións con permiso para marisqueo.
Para a ameixa xaponesa (CLJ) as vendas situáronse por debaixo das dúas mil toneladas que se superaron no ano 2008; o mesmo sucede cos ingresos que son inferiores aos do ano anterior. O descenso destes dous parámetros provoca que o prezo medio sexa inferior aos sete euros por quilo. A ría de Arousa (Zona III) concentra o 63,78% dos quilos vendidos en toda Galicia por valor de 8.650.864 €; case o setenta por cento da ameixa xaponesa vendida é procedente do marisqueo a pé cun prezo medio anual de 7,27€/quilo, a cantidade restante procede do marisqueo desde embarcación a un prezo medio anual de 6,89€/quilo.
O berberecho (COC) alcanza o mellor prezo medio dos últimos anos. As principais zonas de produción, Muros (zona IV) e Arousa (zona III), soportan o maior impacto do descenso das cantidades. En canto aos importes, atopamos que as dúas zonas citadas acumulan unha caída de 4,7 millóns de euros con respecto ao 2008, compensada lixeiramente polas subas no resto das zonas produtoras, principalmente ría de Vigo (zona I), ría de Pontevedra (zona II) e Costa da Morte (zona VI). A achega de berberecho repártese por igual entre o marisqueo a pé e o marisqueo desde embarcación; non sucede o mesmo en canto á xeración de ingresos, así o marisqueo a pé ingresa preto do 60% a un prezo medio anual de 4,91 €/quilo e o marisqueo desde embarcación ingresa o corenta por cento restante a un prezo medio anual de 3,81€/quilo
Cefalópodos
O polbo (OCC) é o cefalópodo de maior interese para a frota de baixura. Esta especie estivo sometida a unha paralización temporal e os resultados que aquí se publican mostran que foi un ano difícil; as cantidades postas á venda non alcanzaron as 2.000 Tm. Os mellores resultados de vendas concentráronse no último trimestre con 775 ton e unha facturación de 3,6 millóns de euros. A lonxa de Ribeira, con preto das 350 Tm, é o lugar de maior importancia na comercialización desta especie e factura preto do 20% do total de ingresos xerados en Galicia. Esta especie estivo sometida a paro biolóxico nos meses de maio e xuño.
Crustáceos
O percebe (PCB) está nunha tendencia de descenso preocupante; o seu prezo medio anual situouse por baixo dos trinta euros (28,09€/quilo) o que supuxo unha perda de 3,08€/quilo, case un dez por cento, a este feito hai que sumarlle o descenso nas cantidades vendidas nas lonxas, o que provocou unha caída importante nos ingresos en preto de 2,4 millóns de euros. Agás Cedeira (Zona VIII) e A Mariña (Zona IX), o resto das zonas de Galicia presentaron descensos con respecto ao ano anterior. As principais zonas de produción Vigo (zona I), Arousa (zona III), Costa da Morte (zona VI) e A Coruña-Ferrol (Zona VII) soportaron a maior parte desta baixada; no caso de Cedeira, hai que sinalar que é unha lonxa atractiva para a venda de percebe e mariscadores doutras zonas prefiren trasladar a mercadoría ata esta lonxa para conseguir mellores prezos. Algo similar está a suceder na lonxa da Coruña, que atrae a produción procedente da Costa da Morte.