Rexistro de Buques Pesqueiros 2019



Prólogo


“Ata sempre, compañeiro”. Recordo ter escoitado estas verbas nos beizos dun vello patrón e armador cando o seu barco desapareceu baixo as augas logo de ser aprobado o seu afundimento para servir de arrecife artificial. Certo é que solo así este barco pasaba de dar vida sobre as augas a albergala debaixo da tona da auga, xa que é ben certo que cando un barco desaparece, algo se vai con el e desaparece parte da nosa actividade pesqueira.

Pero retomando as verbas do principio, creo que é ben acaído que este experimentado mariñeiro lle chamase así ao seu barco. Ao fin e ao cabo, din que lle chamamos “casa” a un lugar onde podemos andar cos ollos pechados sen tropezar con nada porque sabemos onde está cada cousa. Éche ben certo tamén que moitos mariñeiros pasan máis tempo no seu barco que na súa casa, e iso debe facernos reflexionar sobre a nosa frota.

Digo isto porque, neste senso, temos que ter por certo que a habitabilidade e a seguridade son dous parámetros que deben marcar a calidade destes barcos na súa condición de “casa”, que vai máis alá dun mero medio para pescar. Por iso, calquera liña que vaia en favor de avanzar nesta capacidade de mellora destes dous criterios é sempre benvida.

Neste ano, esta publicación achéganos, froito do traballo do persoal da Consellería do Mar que verifica e cotexa os datos da nosa frota, uns datos que nos fan contemplar con espírito positivo a súa evolución durante 2019. Tanto é así que vemos como as medias de eslora, arqueo e potencia por buque melloran de xeito xeral nas frotas de litoral, cuestión non menor sabendo que son as que maior número de persoas acollen durante a actividade pesqueira desenvolvida polos buques galegos.

Xa que logo, esta publicación amosa unha capacidade de lectura en dúas dimensións, podendo ver esa cara ao mesmo tempo que a de volume total da nosa frota. Nesta visión, vemos tamén como se produce unha evolución positiva en termos globais de arqueo en varios segmentos da nosa frota, tanto en augas do litoral coma de augas internacionais, cuestión que trae causa dunha evolución que veu freada a caída libre que acontecía hai unha década, e que amosa que a liña seguida polo noso conxunto de barcos ofrece nos últimos anos unha mellor progresión que o conxunto de España e que outros países de gran potencia pesqueira coma Francia ou Dinamarca.

Amais, vemos como esta grafía estatística nos debuxa un plano acaído e axustado as liñas políticas seguidas na Unión Europea ou ás conxunturas económicas, cunha plasmación de cuestións coma o medo xurdido coa evolución dos prezos do gasóleo ou da obriga de desembarque sobre as frotas de arrastre, a progresiva adecuación e eficiencia enerxética dos motores que permite rebaixar potencia ou a aposta pola frota artesanal, que avanza en mellores números que a de maior porte.

Pero tamén esta publicación nos debe servir de base para afianzar a liña de traballo que debemos seguir para acadar a sostibilidade no terceiro gran piar da actividade pesqueira galega: a social. Logo de afianzar datos positivos en termos de estado dos recursos e dun rendible desempeño da actividade en termos económicos, toca agora dirixir o rumbo cara ao máis importante: as persoas.

Dentro dese ámbito teñen particular e especial rol as melloras que se deben dar nos nosos barcos e por iso debemos seguir traballando para que eses díxitos estatísticos sigan evolucionando ben. Con toma de demora ao que nos ofrece esta publicación e remando todos acompasados, seguro que o conseguiremos.


Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar