Rexistro de Buques Pesqueiros 2015



Introdución


O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe un instrumento básico que permite o seguimento da dimensión da frota pesqueira con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia dende a súa creación en 19911. Este rexistro, permite dispoñer dunha información fiable e actualizada coa que compatibilizar de xeito sustentable o esforzo pesqueiro e a explotación dos recursos mariños da frota radicada en Galicia. Ademais, é un dos piares sobre o que se asentan as aplicacións informáticas que se empregan para a emisión das declaracións de alternancia das embarcacións de artes menores2, dos documentos que amparan o transporte dos produtos pesqueiros dende o punto de descarga ata a lonxa/centro autorizado de primeira venda3 e da correcta cobertura das notas de venda4.

O obxectivo desta publicación é difundir anualmente o número de embarcacións e as principais características da frota galega dedicada a labores de pesca extractiva e de marisqueo da lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques que ten como base un porto da nosa comunidade autónoma. Ademais, ofrece información sobre as embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura pertencentes á lista cuarta do rexistro mencionado.

En todos os casos, os datos desta publicación están referidos a 31 de decembro do ano 2015.

Con esta publicación dáse cumprimento á operación estatística 32-101 Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma que aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 20165.

Estrutura da publicación

A publicación estrutúrase en catro capítulos, xunto co prólogo, a introdución e un último capítulo de anexos.

No primeiro capítulo realízase unha análise xeral da frota pesqueira galega, ofrecendo información sobre o número de embarcacións de 3.ª lista e as súas características principais: arqueo, eslora e potencia. Así como información da súa distribución territorial.

O segundo capítulo, céntrase nas embarcacións de artes menores, por ser este o colectivo cuantitativamente máis relevante na nosa comunidade. Así, publícanse táboas resumo das características destas embarcacións e a súa distribución territorial en función do seu porto base. Ademais, ofrécese información relativa ás embarcacións que teñen autorizadas determinadas artes como artes de anzol, marisqueo, artes menores de cerco, enmalle e nasas. Cómpre ter en conta que un mesmo buque pode ter autorizadas ata cinco artes, polo que nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, a suma das distintas categorías non coincidirán co total de embarcacións.

No terceiro capítulo, a información céntrase no colectivo das embarcacións de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, por ser este o censo máis numeroso despois do de artes menores

No cuarto, reflíctese a cuantificación e as principais características das embarcacións de cuarta lista.

Principais resultados

O número de embarcacións operativas con porto base en Galicia á data do 31 de decembro de 2015 eran 4.438 en terceira lista e 1291 en cuarta lista.

No referido ás embarcacións de terceira lista, buques de pesca extractiva e marisqueo, o cómputo global de 2015 amosa a continuidade na tendencia de moderado descenso anual dos últimos anos, cunha diminución con respecto a 2014 do 1,51 % das embarcacións. A maior caída en termos relativos dáse nas pesqueiras internacionais (-7,08 %) e nas comunitarias (-5,26%). As embarcacións do caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste diminúen un 1,3 % e, dentro de estas, as de artes menores un 0,96%.

Na frota pesqueira galega, destaca o segmento da frota de artes menores cunha cifra de 3932 embarcacións. Estas son embarcacións de pequeno porte, cunha eslora media de 6,33 metros, que se dedican a unha pesca multiespecífica por medio dunha ampla variedade de artes que utilizan en función da especie obxectivo. Se nos fixamos nos portos base destas embarcacións, a maior parte concéntranse na zona III-Arousa (41,66%), seguida das zonas IV-Muros (14,78%) e I-Vigo (14,17%).

No que respecta ás embarcacións auxiliares de pesca e acuicultura a 31 de decembro de 2015 sumaban 1291 unidades. Xeograficamente, esta frota concéntrase na zona III-Arousa (70,49%), na zona VII-Coruña-Ferrol (11,62%) e na zona I-Vigo (8,06%).



1O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia creouse no ano 1991 mediante o Decreto 232/1991, do 4 de xullo, polo que se crea o Rexistro de Buques de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de Galicia (DOG núm. 133, do 12 de xullo de 1991). Ten por obxecto asentar todas as incidencias, situacións e modificacións da vida dos buques: altas, baixas, cambios de base ou de titularidade ou cambios nas características estruturais. Na actualidade, as normas que regulan o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia son: 2Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 215, do 4 de novembro de 2004), modificada.
3Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos (DOG núm. 52, do 13 de marzo de 2008), modificada.
4Orde do 7 de febreiro de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca (DOG núm. 40, do 26 de febreiro de 2008), corrixida.
5Decreto 185/2015, do 23 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 (DOG núm. 246, do 28 de decembro de 2015).