Rexistro de Buques Pesqueiros 2012



Prólogo


Que Galicia constitúe unha potencia marítimo–pesqueira no ámbito europeo e mundial é un feito incontestable. Alén do saber facer de toda a cadea mar–industria, os datos de capturas, valor económico e transformado avalan de forma cualificada esta tese. Mais o punto fundamental desta consideración témolo se adoptamos como elemento de comparanza a dimensión da nosa frota pesqueira e marisqueira.

Pero de nada vale ter este aspecto coma unha verdade irrefutable se non temos os datos que o avalen. Convén apuntar que Galicia posúe arredor do 9,5% do arqueo total dos buques da Unión Europea e o feito de que cada vinte buques europeos un sexa galego pode quedar en cifras de fría estatística. Pero o que sí é constatable é que a nosa frota se pode comparar coa holandesa ou mesmo que supera as potencias coma Dinamarca, o que nos dá unha imaxe da dimensión que acadan os buques galegos.

Con todo, non é na estatística ou na comparanza onde nos debemos quedar coa importancia dos datos. As cifras reflectidas neste volume son unha base fundamental do coñecemento que aseguran un mellor afianzamento do proceso decisorio. Así, a obtención de información que axude a definir as mellores políticas pesqueiras é un obxectivo compartido e apoiado na política común de pesca que rexerá a actividade en Europa nos vindeiros anos.

Mais tamén neste ámbito damos un pulo, xa que a carón dos datos biolóxicos das especies de interese pesqueiro, as estruturas decisorias queren achegar datos sociais e económicos que avalen as decisións e que dean conta do seu impacto real na actividade. Neste sentido, o nexo de unión entre a visión socioeconómica e a dimensión biolóxica da pesca vén dado polas unidades pesqueiras, xa que son os buques os que constitúen as pezas económicas e os soportes sociais, mais tamén os que inflúen no aspecto biolóxico, xa que é o seu esforzo pesqueiro o que marca os niveis de capacidade de pesca e as posibilidades de axuste á alza ou á baixa.

Galicia, que posúe unha ampla experiencia na pesca, afonda cada día máis neste coñecemento directo sobre o sector marítimo–pesqueiro e sobre a actividade que este desenvolve. Tarefas analíticas coma a enquisa Ocupesca e as estatísticas de descargas e valor económico, a reedición dos estudos sobre inputs e outputs da pesca ou este mesmo rexistro de buques tecen unha rede de saber que contribúe de maneira evidente a mellorar as decisións e a apoiar as demandas e as propostas noutros ámbitos decisorios.

Pero toda esta rede esixe de medios técnicos, documentais e de rexistro, en cuxa dotación se está a facer un importante esforzo, e tamén precisa de medios humanos. Neste sentido, quero salientar e agradecer de forma especial o traballo diario, rigoroso e constante, da Secretaría Xeral do Mar e, dentro dela, do Servizo de Análise e de Rexistros.

Son as persoas destes departamentos as que fan posible que poidamos contar con este compendio estatístico e é o seu labor de coordinación e complementación da documentación que xestionan e recollen o que permite que Galicia conte coas mellores ferramentas que avalan a súa capacidade marítimo–pesqueira.

Sen dúbida, o seu traballo servirá para facilitar e achegar vantaxes ao labor das persoas que desenvolven tarefas vinculadas coa análise e co estudo do noso sector marítimo–pesqueiro. Ese é o noso desexo, xa que coñecer máis sobre esta actividade supón coñecernos mellor, e isto é positivo para a pesca e para o marisqueo galegos e positivo tamén para Galicia.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar