Anuario de pesca 2025



Prólogo


Galicia mira ao mar como quen mira á súa propia historia. En cada marea, en cada porto e en cada lonxa latexan séculos de tradición que converteron o Cantábrico e o Atlántico en sustento, identidade e futuro.

Este Anuario de Pesca de Galicia rende homenaxe a esa cultura mariñeira, ofrecendo, en paralelo, unha visión rigorosa e actual dun dos piares económicos e sociais do noso país.

Desde as rías ata outros caladoiros, a actividade pesqueira e marisqueira galega é sinónimo de esforzo, innovación e compromiso. Os nosos peiraos proxectan ao mundo o saber facer das nosas xentes do mar e a nosa costa sitúase como exemplo de equilibrio entre produtividade e respecto polo medio.

Este documento recompila datos, análises e testemuños que reflicten a evolución do sector: a modernización da frota, a dixitalización das lonxas, a sustentabilidade como eixo estratéxico e a crecente internacionalización dos nosos produtos. Mais tamén fala de persoas: mariñeiros, mariscadoras, armadores, redeiras e outros profesionais que sosteñen, co seu traballo diario, unha cadea de valor esencial para Galicia.

Nun contexto global marcado polos desafíos ambientais, regulatorios e económicos, a pesca galega demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación aos novos retos. A aposta pola xestión responsable dos recursos, a trazabilidade e a calidade certificada reforzan o prestixio dos nosos produtos nos mercados máis esixentes.

Que estas páxinas sirvan non só como balance dun ano de actividade, senón como recoñecemento ao compromiso colectivo de todo un sector. Porque en Galicia, o mar non é só horizonte: é memoria, presente e porvir. É Galicia Calidade.

Boa proa e boa pesca.

Marta Villaverde Acuña

Conselleira do Mar