Anuario de pesca 2020



Presentación


Sempre pensamos que os peores temporais e os peores intres do mundo do mar ían estar no medio duro, cambiante e proceloso que acolle o día a día de milleiros de persoas que sacan del os mellores produtos para levar ás mesas de moitos fogares, galegos e de fóra da nosa comunidade.

O que non agardabamos era que os temporais de terra arrastrasen a actividade marítimo-pesqueira cara a unha situación onde as sucesivas vagas non eran de mar, senón de casos dunha doenza que afectou ás persoas e ás economías. 2020 pasará á historia por ser un ano onde os golpes de mar se substituíron por golpes de pandemia e onde, por primeira vez, os portos non eran un lugar tan seguro e os mares non eran un espazo incerto por si so.

Do que si temos seguridade pola súa constancia e de que os homes e mulleres do mar afrontaron esta situación coa mesma valentía, dedicación e vontade de saír adiante da que sempre fixeron gala e sobre as que, unha vez máis, fixeron base para capear o temporal que nos trouxo a covid-19. Nun principio, as fortes correntes e a resaca dos mercados e a escaseza de medios de protección foron quen de frear esta cadea, pero pouco a pouco foise calmando o tempo e a actividade cobrou brío de novo.

Porén, unha vez máis tamén se amosou que a coordinación entre administración e sector é clave para afrontar calquera situación que se nos presente. A realización de campañas de promoción do consumo e valoración dos produtos e do esforzo da xente do mar, a estimulación e auspicio da reapertura das canles comerciais, o apoio a novas formas de venda que teñen máis que ver coas redes dixitais que coas de pesca...todo iso foi levado adiante sabendo que a adaptación ás circunstancias son unha máxima que preside o devir da nosa actividade desde sempre.

Desta intensa e traballada singradura temos uns datos que reflicten ese labor do día a día e a realidade dunha pandemia que non logrou tombar a actividade. As lonxas viron afectados os seus resultados, pero non nos graos que se albiscaban nun principio, e superaron as 150.000 toneladas de produtos do mar vendidos, unicamente un 5% menos que en 2019 pese á redución da actividade como consecuencia da pandemia, principalmente nos meses que van de marzo a maio. Na facturación, acadáronse case 413 millóns de euros, o que asina un descenso de algo máis do 10%.

Con todo, o esforzo das xentes do mar viron como era respondido pola valoración dos produtos, xa que o prezo medio dos produtos comercializados (2,75 euros o quilo) é o terceiro mellor da serie, desde 1997. É unha cifra importante que se dá a pesar da excepcional situación económica e social provocada pola alerta sanitaria polo coronavirus, e incluso nun Nadal atípico e restrinxido se deu cabida aos produtos do mar que de forma tradicional se levan ás mesas, e iso tivo reflexo en cifras coma a do prezo medio dos bivalvos, que en decembro de 2020 foi case un 42% superior (4,31 euros o quilo máis de media) ao mesmo mes de 2019.

Por todo isto, por aguantar o tirón con dedicación e colaboración cunha sociedade que tanto necesitaba produtos alimentarios de calidade e proximidade, quero plasmar neste prólogo o agradecemento profundo e sincero a todas as persoas que conforman a cadea marítimo-pesqueira e a aqueles que desde a administración fixeron que este sector puidera seguir movéndose durante este ano, permitindo que o mar que baña Galicia seguise sendo o mar que nos move.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar