Anuario de pesca 2018



Presentación


Temos ante os nosos ollos o resultado dun ano de traballo de moitas persoas en Galicia. De persoas que baixaron a mariscar a unha praia, de persoas que se embarcaron cada día para sacar os mellores peixes do mar. De percebeiros que saltaron nas penas para extraer un produto de calidade...e dos profesionais do Servizo de Análises e Rexistros que cada día recollen os envíos de notas de venda de todas e cada unha das lonxas da nosa costa.

64 puntos de primeira venda autorizados e 240 especies diferentes que pasaron por elas son a orixe desta estatística que pon de relevo a importancia da pesca fresca desembarcada en Galicia. A nosa rexión é destino dunha cifra anual que rolda o 70% da que chega ás lonxas españolas e dun 10% da que se desembarca no marco da Unión Europea.

Con estes volumes de cifras e con máis de catro millóns de notas rexistradas, revisadas, apuntadas e sumadas temos hoxe este volume dixital que permite ver por onde e cara a onde imos. Cuestións económicas e sociais coma a suba de cotas, o axuste de buques e a reorientación dos mercados poden ser apreciados a través dos datos desagregados que nos trae esta publicación.

Amais, e no aspecto acumulado, temos signos positivos como o da cifra de descargas (174.000 Tn), que se mantén por riba da media dos últimos dez anos, namentres que mesmo hai valores mellorados, coma o da cifra de vendas (491 M€), que ascende ata a terceira mellor desde que hai rexistros, seguindo a cifra récord de 508 M€ que obtivemos o ano pasado.

Pero o feito sobresaliente deste cómputo anual radica en algo que é sumamente positivo para calquera fórmula de competitividade, xa que o prezo medio dos produtos nas nosas lonxas (2,82 €/qg) no exercicio 2018 é o mellor da serie analizada desde 2002.

Isto fainos albiscar que a gran materia pendente do noso sector marítimo-pesqueiro pode ser aprobada de seguir nesta liña de valorización dos produtos do mar, afondando na difusión do seu consumo e na promoción dos seus valores e calidade.

Mais tamén se poden observar cuestións de carácter ambiental pero que poden ter total influencia na actividade pesqueira e marisqueira, coma o cambio das temperaturas do mar ou a diferente orientación de correntes e afloramentos pola alza do nivel do mar. Falamos de evolucións coma o da menor captura de xarda pintada ou de pescada, e nos que a menor observación da súa presencia nos caladoiros e o desprazamento dos bancos cara a outras áreas oceánicas poden ser constatadas a través destas cifras.

Con este ano pechado, debemos extraer lecturas destas cifras e ir verificando a orientación que as mesmas collen en razón doutros aspectos de índole normativa ou de ordenación pesqueira, coma o Brexit ou a obriga de desembarque de todas as capturas, cuxa influencia na pesca galega poden ter un forte impacto.

Por iso, á vista da importancia de contar con estas cifras para poder dispor dunha información valiosa que permita tomar as mellores referencias na xestión e ordenación pesqueira, cómpre agora seguir traballando en novos proxectos que melloren aínda máis a achega deses datos. Falo de proxectos coma o PRIMARE, que permitirá dixitalizar completamente 35 lonxas galegas. Este proxecto, cuxo desenvolvemento piloto foi levado a cabo en Fisterra, disporá a posibilidade de acceso á compra a través de internet, cun reforzo da concorrencia dos compradores e unha elevación dos prezos en primeira venda.

Pero todos os sistemas, por avanzados e modernos que sexan, precisan dun apoio humano ao que non quero deixar de agradecer o seu traballo. A quen recolle os datos, a quen os transmite, a quen os compila e a quen os sistematiza e ordena. A todas e todos eles, gracias no nome da pesca e do marisqueo de Galicia.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar