Anuario de pesca 2008



Información xeográfica


En relación con este capítulo, no que se presenta a información de primeira venda de produtos pesqueiros frescos por punto de venda, consolidouse a información subministrada polos distintos concesionarios de lonxas e establecementos autorizados para a primeira venda en función de criterios xeográficos.

Así, definíronse dúas xerarquías de consolidación das vendas:

A continuación comentaremos os aspectos máis significativos en relación con ambos os criterios de consolidación da información.

PROVINCIAS

En relación coa análise da primeira venda de pesca fresca en 2008 por provincias, en primeiro lugar obsérvase que a distribución das cantidades vendidas e os importes xerados en primeira venda son similares a exercicios anteriores.

Das tres provincias galegas analizadas, a da Coruña é a que presenta un maior peso específico en relación co volume de cantidades vendidas e importes xerados, tal como sucedía en anos anteriores. Non obstante, a nivel provincial, a pesar de que as cantidades postas á venda son superiores ás do ano anterior, os ingresos xerados son menores que en 2007. Isto é debido ao descenso xeneralizado dos prezos medios. Esta situación vén dada sobre todo polas vendas do porto da Coruña, cuxos ingresos diminúen un 7,64%, e como o peso desta lonxa na provincia supón aproximadamente o 45% da facturación en primeira venda, iso provoca o descenso global da provincia en ingresos. Esta situación prodúcese malia o lixeiro incremento a nivel provincial do 3,76% no volume das cantidades vendidas en 2008 respecto a 2007.

A seguinte provincia en representatividade da primeira venda de pesca fresca é a de Pontevedra. De forma similar ao comentado para a da Coruña, neste caso a situación da provincia está moi influída polo que sucede na lonxa de Vigo. Porén, a diferenza do comentado para A Coruña, a lonxa de Vigo non acusou descensos nos prezos dos produtos pesqueiros de forma xeneralizada e, xa que logo, a situación da provincia é tal que incrementa un 0,84% a facturación en primeira venda.

Na provincia de Lugo, os portos de Celeiro e Burela marcan a tendencia da zona, na que as cantidades postas á venda son inferiores ao ano anterior e, polo tanto, dado o lixeiro descenso dos prezos, os ingresos xerados son un 9,27% más baixos.

ZONAS ADMINISTRATIVAS DE PRODUCIÓN

En relación coa análise por zonas de produción, mantense a estrutura de distribución de cantidades e importes de exercicios anteriores. A continuación resaltamos os aspectos de maior interese en cada una das zonas.

Zona I - Vigo

Nesta zona o peso da lonxa de Vigo é tan acusado que practicamente define os resultados da zona. En relación co resto de lonxas desta zona, encontramos significativo o bo comportamento das lonxas de Arcade e Vilaboa, que contrastan coa perda de ingresos xeneralizada do resto de lonxas.

Zona II - Pontevedra

Esta zona presenta dúas tipoloxías de situacións diferenciadas: por unha parte, a situación dun porto de interese xeral, como é o caso de Marín, no que o descenso de volume de primeira venda é significativo e, a pesar do lixeiro ascenso dos prezos, os ingresos xerados diminúen un 16%.

Por outro lado, o resto de lonxas da zona en todos os casos aumentan as cantidades postas á venda, así como os ingresos xerados por estas.

Por todo iso, a situación xeral da zona presenta un lixeiro descenso das capturas (0,89%) e un incremento máis significativo dos ingresos (2,14%).

Zona III - Arousa

Na ría de Arousa, e dado que esta zona non está moi influída pola situación dos peixes, que supoñen unicamente o 36,60% dos ingresos por primeira venda de pesca fresca na zona, prodúcese un incremento do 6,64% respecto a 2007 nos ingresos xerados.

Ese incremento débese ao bo comportamento da produción de bivalvos na zona (malia o lixeiro descenso no prezo medio de venda destes) e a que o prezo medio dos peixes non diminúe, como sucede noutras zonas, senón que incluso aumenta lixeiramente.

Zona IV - Muros

Na zona IV a visión xeral ofrécenos un incremento no volume posto á venda do 20% e un aumento dos ingresos xerados do 5,54%. Esta situación débese basicamente ao bo comportamento da lonxa de Portosín no exercicio 2008, caracterizada polas vendas da frota de cerco, que compensa a perda de produción e ingresos da lonxa de Noia, que aínda así supón máis da metade dos ingresos xerados pola zona.

Zona V - Fisterra

Esta zona presenta os mellores resultados dos últimos anos. A súa produción increméntase case nun 20% e os seus ingresos nun 16,47%. Esta situación é especialmente acusada na lonxa de Corcubión, cun incremento da facturación de máis do 50% respecto a 2007.

Zona VI - Costa da Morte

A diferenza do que sucede na veciña zona de Fisterra, os resultados nesta zona presentan unha caída tanto en cantidades postas á venda como en ingresos xerados. Esta situación acúsase especialmente nos crustáceos, cefalópodos e peixes. Nótese, ademais, que en 2008 a lonxa de Corme non tivo actividade de primeira venda.

Zona VII - A Coruña-Ferrol

Nesta zona os resultados veñen definidos pola situación da lonxa da Coruña, S.A., posto que supón un 96% dos ingresos desta.

Respecto ao resto de lonxas desta zona, cabe destacar, por unha parte, que se mantén unha moi baixa produción marisqueira nas lonxas da Coruña Confraría, Barallobre e Ferrol, debido á cualificación sanitaria das zonas de produción asociadas, e, por outro lado, o importante descenso da actividade da lonxa de Sada.

Zona VIII - Cedeira

Esta zona practicamente está definida polo sucedido na lonxa de Cedeira, cun 79% dos ingresos da zona. Nesta lonxa puxéronse á venda 92 toneladas máis que en 2007 de peixes e mariscos; no entanto, a facturación caeu en máis de 300.000 euros. Isto débese en gran parte ao descenso na produción de percebe e, polo tanto, dado o gran valor da dita especie, os ingresos descenderon significativamente. Nótese que a produción de percebe en 2008 é a peor da serie histórica 2002-2008, cun descenso do 30% en relación con 2007.

Zona IX - A Mariña

Finalmente, para a Mariña lucense, dado que a composición desta zona é practicamente similar á da provincia de Lugo (coa excepción da lonxa do Barqueiro), o comentado para esta provincia é válido para a zona.

Respecto ao resto de lonxas, cunha moi baixa representatividade e produción, en todas descende a facturación respecto a 2007 e en case todas, agás en San Cibrao, esta perda de facturación está motivada por un descenso da produción.