Anuario de acuicultura 2022



Acuicultura mariña


A industria de cultivos mariños ocupa un oco de grande importancia na economía de Galicia e é vital para garantir a aportación de proteína mariña á cidadanía. Mostra deste potencial son as preto de 2.600 empresas e máis de 5.600 persoas que traballan neste sector e que o dotan de gran fortaleza.

Á vista está tamén nos máis de 256 millóns de euros de facturación acadados en 2022, a cifra máis alta dos últimos 14 anos. Un récord histórico que se dá malia baixar a produción un 12% en relación co exercicio 2021.

Isto reflicte a resiliencia do sector da acuicultura e os esforzos dos profesionais que o compoñen pois grazas a eles esta actividade resiste con vigor nun contexto difícil marcado pola crise de prezos actual ou os efectos da guerra en Ucraína na economía.

Dentro do volume de produción, que foi de 232.000 toneladas, o mexillón supón o 95% e mantense con forza como a especie estrela deste sector. O valor económico deste bivalvo no 2022 foi de case 151 millóns de euros superando todas as marcas desde 2005 coa mellor cotización da serie histórica, preto de 0,7 €/kg.

Á aportación dos bivalvos, encabezada polo mexillón, súmase a dos peixes, que experimentou unha suba de máis do 20% na produción e de máis do 40% en facturación, destacando o rodaballo como protagonista, cun prezo medio de 8,69 €/kg. Ademais hai que salientar o importante crecemento do cultivo de algas, tanto en produción como en facturación.

Estas cifras son só un pequeno exemplo do valor transcendental da acuicultura e do seu papel para garantir a soberanía alimentaria. Tamén son un indicador do valor socioeconómico desta actividade na nosa comunidade.

De aí a necesidade de apostar pola súa compatibilidade co resto de sectores da cadea mar-industria e de seguir impulsando a investigación no ámbito dos cultivos mariños, onde destaca o labor de organismos dependentes da Xunta como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

Nesta travesía de convivencia, de investigación e de innovación debemos continuar para corresponder o potencial deste sector e do resto de elos da cadea mar-industria, seguir nos chanzos superiores da escada da competitividade e avanzar nos da internacionalización.

Como facelo? Da man da sustentabilidade, coa mirada posta na protección medioambiental e con medidas que permitan adaptarse aos retos que exixen as tendencias de mercado e da alimentación.

Tamén tendo sempre en mente os profesionais que dan vida ao sector da acuicultura e aos do resto da cadea mar-industria. As persoas que fan que Galicia sexa unha potencia tanto no ámbito dos cultivos mariños como no marítimo-pesqueiro e que contribúen á boa saúde das empresas galegas e ao futuro do sector. Grazas a todas e todos eles podemos dicir ben alto que GALICIA SABE AMAR.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar