Anuario de acuicultura 2021



Acuicultura mariña


A potencia da acuicultura é indubidable. Nos últimos anos foi gañando peso no sector marítimo-pesqueiro e na economía galega, así como espazo nos mercados máis esixentes, dentro e fóra das nosas fronteiras. Son preto de 2.600 as empresas e as explotacións asentadas ao longo da costa galega, elementos motrices que contribúen ao desenvolvemento das súas contornas costeiras.

A acuicultura estivo chamada a ser a resposta á crecente demanda global de peixe e marisco no momento máis crítico dos últimos anos. Os máis de 5.600 homes e mulleres que compoñen o sector mantiveron a súa actividade de forma responsable. Unha exemplaridade á que debemos estar agradecidos e responderlle coa aposta de Galicia en impulsar novas formas de traballo, cun alto potencial para a innovación e o crecemento sostible.

A acuicultura é fundamental en termos xerais de emprego nas zonas marítimas periféricas. Propulsor social e impulsor económico, Galicia ven adoptando políticas que contribúan, de xeito compatible con outras actividades marítimo-pesqueiras, ao seu crecemento no presente e á súa fortaleza comercial no futuro. Tamén medidas que nos permitan adaptarnos de forma eficiente ás novas estratexias de compra, ás tendencias de mercado e á aplicabilidade das últimas innovacións tecnolóxicas.

Por iso debemos priorizar a promoción dunha acuicultura sostible e competitiva, que dea resposta aos desafíos das novas formas de compra e alimentación, traballando na diversificación do sector e na súa complementariedade con outras actividades da cadea mar-industria co obxectivo de afrontar estes desafíos, sen perder de vista a protección dos nosos recursos naturais, en liña cos obxectivos do Pacto Verde Europeo.

Desafíos cumpridos nun 2021 no que as tres actividades acuícolas que compoñen o sector comportáronse en positivo. A produción obtida do cultivo de algas, bivalvos e peixes foi superior á xerada en 2020, con replicados ascensos (75,5%, 8% e 6%); cifras que no mercado supuxeron tamén unha suba do seu valor comercial (43,5%, 35,6% e 21,5%). Preto de 263.000 toneladas chegaron ao mercado ata alcanzar máis de 233 millóns de euros pola súa venda; un total que se traduciu nunha suba de 8% e 31,5% con relación ao exercicio anterior.

A actividade vinculada aos bivalvos foi a máis importante, tanto en termos de produción como de facturación, ao representar o 97% e o 73% respectivamente da actividade acuícola global. Xunto a ela hai que subliñar a colleita de algas, que superou o pulo mantido en 2020 cun crecemento relevante, tanto en cultivo como en comercialización (75,5% e 43,5%). Este recurso, vital para os nosos ecosistemas mariños costeiros, está a tomar o mesmo cariz no eido da explotación comercial. Un recurso con amplo potencial económico, polo que apostamos poñendo en práctica novas aplicacións e investigando novos procesos de cultivo. Unha tarefa na que temos no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), un gran aliado.

No grupo dos bivalvos destaca o mexillón (o 98,5% da produción e o 82% da facturación total), que alcanzou os 0,55 quilos por euro, superando os niveis medios xa que o prezo de 2021 é o máis alto dos últimos vinte anos; e no grupo dos peixes, o rodaballo (92% da produción e o 88,5% da facturación total).

Datos que referendan que todo o sector en Galicia está a remar na liña ascendente e que garanten que o crecemento da actividade acuícola sexa sostible e compatible con outras actividades marítimo-pesqueiras, na protección do valor dos recursos naturais, e en favor do progreso social e económico do amplo tecido humano que o compón.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar