Anuario de acuicultura 2012



Acuicultura mariña


Poucas persoas, de fóra e dentro do sector marítimo-pesqueiro, poderían imaxinar a onde chegou en produción e valor a sucesión daquela primeira instalación dunha batea aló por 1945. Sen dúbida, tampouco terían matinado a práctica totalidade da sociedade a onde nos levarían, en emprego e puxanza económica, as primeiras plantas de cría de rodaballo e troita que se localizaron no noso litoral e nas ribeiras dos nosos ríos.

Do mesmo xeito, tampouco tirarían conclusións tan visionarias de onde chegaría a súa labor moitos membros da estrutura humana da Xunta de Galicia cando, armados de libro de rexistro en papel, deron o salto aos primeiros ordenadores de discos para gardar os datos dunha cada vez máis ampla produción acuícola na nosa comunidade.

Sexa como fose, a verdade é que anos e décadas despois temos unha vez máis o punto de unión anual entre ambas as dúas tarefas: a de producir e a de rexistrar esa produción. Este anuario que se pon ao dispor da sociedade en xeral e dos investigadores e analistas en particular, volve a ser un ano máis un referente á hora de subliñar a importancia de Galicia no mundo da acuicultura e de ponderar na súa xusta medida os datos relevantes que nos ofrece.

Pero chegar ata aquí e dispor desta información e dos datos estruturados e comparados ten moito que ver con dúas cuestións:

A primeira delas atinxe a quen lle deu continuidade a aquela labor dos precursores no cultivo de produtos do mar e a quen iniciou a recollida de rexistros. Son moitos os produtores que dan conta da súa actividade en tempo e forma para que logo sexa o persoal da Consellería do Medio Rural e do Mar –especialmente do Servizo de Análise e Rexistros− quen sistematice os datos e lle dea curso e forma de resumo a un inxente volume documental.

A segunda cuestión lévanos á exhaustiva e pormenorizada labor que levou ao sector e á administración a relacionarse de forma continuada mediante unha profunda tarefa de regulación e ordenación que achegou un dos ámbitos produtivos que máis rigorosamente traballa na observancia das normas de produción, especialmente no relativo á garantía de salubridade mediante o cumprimento dunhas condicións hixiénico-sanitarias completas e sólidas.

Hoxe seguimos a ter retos neste eido e en moitos relacionados coa ordenación da produción e dos mercados da acuicultura. Pero Galicia está preparada. Contamos cun vieiro de desenvolvemento dunha planificación punteira en todos os ámbitos aos que atinxe a acuicultura a case dúas décadas de proxección. Mais contamos cunha ferramenta firme para orientar ese futuro: os datos que reflicten a importancia do noso sector acuícola e o testado da súa puxanza.

A vía da nova Política Común de Pesca lévanos á necesidade afianzar ambas as dúas tarefas −ordenar e cuantificar− pero nese empeño estamos traballando sector e administración. Hoxe teñen ante si un bo exemplo deste traballo común e que nos debe levar a gañar o futuro.

Por iso, pola súa labor e polo seu traballo, moitas grazas a quen fai posible que vexa a luz e quede ao noso dispor este Anuario de Acuicultura de Galicia 2012.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar