Novas e comunicacións

Posta en marcha do sistema Trazapes

26/02/2018

O sistema de Trazabilidade Pesqueira (en adiante TRAZAPES) é unha ferramenta da Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) que ten como obxectivo principal establecer unha canle para dar cobertura á obriga legal de comunicación de información por parte dos establecementos autorizados para a primeira venda de produtos da pesca e da acuicultura á autoridade competente.

A información que abrangue o dito sistema ten relación cos seguintes documentos:

  • Notas de primeira venda.
  • Documentos de trazabilidade.
  • Documentos de transporte.
  • Declaracións de recollida.

O modelo de cumprimento destas obrigas definido na Comunidade Autónoma de Galicia pasa pola recepción da información das distintas lonxas e centros de venda autorizados a través das aplicacións e servizos desenvolvidos na Plataforma Tecnolóxica da pesca https://www.pescadegalicia.gal, de xeito que non supoña un esforzo adicional para os operadores sectoriais á adaptación ao novo sistema de trazabilidade.

Neste senso é preciso aclarar que dende o Servizo de Análise e de Rexistros da Consellería do Mar faise un traballo de recompilación e revisión da información recollida, procedendo inmediatamente á comunicación ao sistema Trazapes unha vez se realiza a validación da mesma. Deste xeito, a obriga recollida no Real decreto 418/2015 polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, sobre a remisión de determinada información á Secretaría Xeral de Pesca do Mapama, na nosa comunidade Autónoma cúmprese ao realizar o envío ao Servizo de Análise e Rexistros, que se encargará da súa transmisión a TRAZAPES.

Nembargantes, faise notar que para cumprir os prazos marcados na devandita norma e para que o Sarex poida mandar en tempo e forma toda a información preceptiva ao sistema Trazapes é necesario que estes prazos se teñan en conta no envío das notas de primeira venda que cada unha das lonxas realiza a esta Unidade.

Ademais, é convinte destacar que o novo sistema de trazabilidade TRAZAPES incide na mellora da calidade dos datos recollidos e no cumprimento das normativa vixente. En particular é relevante indicar que a na información de especies non se permite o rexistro do código MZZ, que viña empregándose nalgunhas lonxas para os lotes con varias especies. Os lotes con tal codificación de especie serán rexeitados no envío a TRAZAPES, motivo polo cal se solicita aos axentes sectoriais especial coidado na cumprimentación desde campo, de cara a evitar os posibles efectos que poida ter que non consten estas vendas a nivel central (TRAZAPES) asociadas aos seus provedores.

Por outra banda o novo sistema é especialmente restritivo coa información de zonas de captura e das identificacións dos provedores e clientes do produto pesqueiro e acuícola documentado, motivo polo cal solicitase aos axentes sectoriais a correcta cumprimentación destes campos en aras de evitar incidentes no envío a TRAZAPES que dende o Sarex derivarían de novo para a súa corrección.

Agradecemos de antemán á colaboración que están a ter os axentes sectoriais e instamos a continuar traballando na mellora da calidade da información xestionada como ferramenta para permitir á análise da situación sectorial e servir como ferramenta de apoio á toma de decisións sectoriais.