Logo de Pesca de galicia

Logo da Consellería do Mar

1.0.8

Novas e comunicacións

Publicación dos permisos de marisqueo a pé 2015

08/02/2016

O marisqueo é a actividade extractiva, desenvolvida a pé ou dende unha embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre dirixida de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización.

Xunto aos mecanismos xerais impulsados pola administración pesqueira galega orientados á explotación racional dos recursos mariños (regulación das artes, tamaños mínimos, horarios de actividade etc.), no marisqueo adquiren especial importancia os relacionados coa ordenación da actividade a través dos títulos administrativos habilitantes (permex) e os plans de explotación.

Desde mediados da década dos 90, época da que data a anterior regulación dos permisos de explotación de marisqueo a pé, o sector sufriu unha importante transformación, xa que pasou de ser unha actividade individual e meramente extractiva a outra organizada na que se realizan traballos complementarios de semicultivo e de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros. Este aspecto, xunto á necesidade de establecer medidas de conciliación nun colectivo conformado maioritariamente por mulleres levou á recente publicación da Orde do 15 de xullo de 2011, que supuxo unha nova regulación dos permisos na que se recollen unha serie de factores que permiten acompasar as medidas legais á actual actividade desenvolvida nos labores marisqueiros.

Dende a Plataforma Tecnolóxica da Pesca preténdese, ano a ano, difundir a información dos datos dos permisos de explotación de marisqueo a pé existentes en Galicia, así como os datos da súa evolución.

Para iso, séguese un proceso que inclúe a revisión de todos os rexistros recollidos no sistema de xestión de procedementos administrativos da administración autonómica, a súa identificación e posterior validación das diferentes situacións dos permisos.

Os datos ofrecidos, refírense á situación dos permisos o 31 de decembro e permiten observar a súa situación por provincias, por zonas de produción administrativa, por entidades ou por tipo de permiso, e ofrécese para cada un destes parámetros a situación xeral e a súa evolución nos últimos anos, así como o detalle por xénero e por tramos de idade.

A información completa pode consultarse nesta ligazón.