Presentación

A Plataforma Tecnolóxica da Pesca (www.pescadegalicia.com) é un proxecto que xorde a finais do ano 2003 impulsado pola administración pesqueira galega para pór á disposición do sector pesqueiro da nosa comunidade autónoma, entendido en toda a súa extensión, tanto na propia actividade extractiva da pesca e do marisqueo coma da actividade mexilloeira e de cultivos mariños, ferramentas para facilitar a realización das súas xestións, e habilitar, pola súa vez, un sistema de recollida de información co que ofrecer as estatísticas en primeira venda dos produtos pesqueiros e outra información de interese para o propio sector.

Desde os seus inicios ata a actualidade fóronse incorporando, de xeito continuado, ferramentas tecnolóxicas que ademais de servir de apoio na xestión dos recursos pesqueiros, ofrécenlles unha serie de servizos aos sectores produtivos e comercializadores para o cumprimento das obrigas legais relacionadas coa declaración, transporte e comercialización dos produtos pesqueiros, garantindo a súa trazabilidade.

Neste sitio web preséntanse unha serie de funcionalidades entre as que resumidamente podemos citar:

  • Sistema de información estatística de pesca fresca. Resultado da recollida e validación das transaccións efectuadas na lonxa polos axentes do sector aos que lles dá soporte o sistema.
  • Cotización de notas de venda de pesca fresca. Permite coñecer, por lonxa e especie, a evolución da cotización en primeira venda nas últimas poxas.
  • Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia. Publicación actualizada da situación do rexistro.
  • Sistema de xestión de documentos relacionados coa comercialización de produtos pesqueiros (documentos de orixe, de rexistro, de transporte e de recollida) que, en xeral, amparan o transporte de produtos pesqueiros por vía terrestre con anterioridade á súa primeira venda, e lles dan servizo aos distintos axentes comercializadores.
  • Xestión da alternancia de artes de pesca. Dálle soporte á necesidade de declaración da arte utilizada nunha data concreta por parte dos buques pesqueiros pertencentes ao censo de artes menores.
  • Envío de datos de notas de primeira venda de pesca fresca por parte das lonxas e centros de venda autorizados á administración autonómica e ás funcionalidades correspondentes con relación a este requisito.
  • Envío de notas de venda de acuicultura. Mediante esta funcionalidade posibilítase realizar as transmisións das transaccións comerciais a este sector. Neste apartado é especialmente relevante o papel das entidades asociativas do sector acuícola.
  • Sistema de recollida de notas de venda de pesca conxelada dos establecementos autorizados para a primeira venda dos ditos produtos.
  • Publicacións de información estatística de diferentes actividades relacionadas co sector pesqueiro: anuarios de pesca e acuicultura, estudos do Rexistro de Buques de Galicia, situación de permisos de marisqueo a pé, poboación ocupada no sector da pesca e da acuicultura mariña (OCUPESCA).
  • Difusión de información de interese para o sector pesqueiro: plans de explotación marisqueira, calendario de mareas, información de mostraxes, reservas mariñas.

Ademais, a plataforma compleméntase coa existencia de máis de sesenta puntos de autoservizo (terminais Ticpesc) situados na maioría dos portos, asi como dunha aplicación para teléfono móbil (MOVTIC) onde os profesionais do sector poden realizar de xeito telemático boa parte dos trámites asociados á súa actividade (cambio de artes de pesca, documentos de transporte etc.), durante as 24 horas dos 365 días do ano sen dependencia dos horarios de atención das confrarías de pescadores, das lonxas e doutras asociacións de profesionais do sector.