Pesca conxelada

A pesca conxelada é un subsector da industria transformadora cun peso considerable no sector pesqueiro galego. Unha das características da industria do conxelado é a de presentar unha combinación de moitas e diversas actividades que van dende a extracción ata a distribución: armador, elaborador, frigorista, venda por xunto, venda polo miúdo, importación ou exportación. A maior parte das empresas realizan máis dunha actividade e as máis frecuentes son as de elaboración e venda por xunto, seguidas da actividade exportadora, importadora e frigoristas.

No 2011 máis do 55% das exportacións españolas de peixe conxelado saíu dos portos galegos, preto de 200.000 toneladas cun volume de facturación de máis de 400 millóns de euros. Na súa maioría, saíu da provincia de Pontevedra, fundamentalmente dos portos de Vigo e Marín. En total saíron nese ano máis de 155.000 toneladas desta provincia cara aos mercados exteriores que supuxo unha facturación de case 345 millóns de euros (fonte: Anfaco-Cecopesca con datos de Aduanas).

A primeira venda dos produtos pesqueiros conxelados, ultraconxelados, sen transformar ou transformados a bordo, envasados ou non, debe realizarse en establecementos ou centros autorizados pola comunidade autónoma; e unha vez feita efectiva, o propietario do buque ou o representante autorizado ten que enviarlle os datos das transaccións efectuadas á consellería competente en materia pesqueira, segundo o establecido na normativa reguladora vixente. Para isto, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca pon á disposición unha aplicación informática que permite a transmisión das transaccións comerciais efectuadas polos centros e establecementos autorizados.