Rexistro de Buques Pesqueiros 2015



Prólogo


“Alborada”, “Carmen Teresa”, “Breogán”, “Nuevo Morriña”, “Mañufe”, “Tres Costas”, “Ave”...os nomes dos barcos que xa non figuran no Rexistro de Buques supoñen trazos da historia pesqueira desta comunidade que pasaron páxina seguindo o devir dos tempos que nos marca a pesca.

Con esta xeira de publicacións anuais na man somos capaces de ter as marcacións correctas coas que dar co rumbo que seguiu a nosa pesca e o noso marisqueo ao longo destes anos. As cifras de buques e a súa distribución por censos e modalidades ou por zonas xeográficas apórtannos un debuxo real de como as pesquerías marcan ese devir. A variación dos buques de augas internacionais, o cambio da modalidade de pesca preponderante en augas comunitarias, a distribución dos barcos de litoral polos portos... todo nos dá unha imaxe de como se desenvolveron as actividades pesqueiras coa apertura de caladoiros no Pacífico ou no Índico, de como se axustou e reestruturou no Gran Sol ou de como se afrontou por portos a especialización nos buques de litoral e baixura.

Todo iso pódese ler nas táboas e liñas que trae consigo esta publicación, que puntual, completa e rigorosamente nos trae o Servizo de Análises e Rexistros da Consellería do Mar compilando día a día estes datos, que van máis alá das estatísticas para ser parte da nosa actividade pesqueira histórica.

Con este volume dixital podemos referendar, xa que logo, as evolucións das políticas pesqueiras, con especial incidencia da PCP, e a certeza ou desvío dos seus obxectivos, e afianzar rumbos cara a unha explotación máis sostible do mar en termos ambientais, sociais e económicos.

Porque, sen dúbida, Galicia ten feito un importante esforzo de axuste da súa frota, progresivo máis recoñecible, no que tamén a capacidade de busca de alternativas ten tido incidencia. Con isto, e vendo cifras positivas no incremento de descargas e facturación da nosa pesca, vemos como o noso exemplo sigue na media da tendencia estatal, nada tendo que ver con outros, que de forma intensa e rápida coñecen deste axuste nun só ano.

Xa que logo, esta foto fixa da adecuación da flota, unida a un incremento de cotas sostido nos últimos anos, fai que os mandatos comunitarios sobre as análises dos niveis de frota en relación ao estado dos recursos tomen necesidade de evolución constante, agardando que o cruce de ambas cuestións nos deixen un mellor panorama que o debuxado nestes anos.

Por iso, para soster estas cifras e defendelas como certeza que nos leve á sostibilidade da frota, ten razón de ser esta publicación que hoxe poñemos a disposición do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e de toda a sociedade.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar