Rexistro de Buques Pesqueiros 2014



Introdución


O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia constitúe un instrumento básico que permite o seguimento da dimensión da frota pesqueira con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia dende a súa creación en 19911. Este rexistro, permite dispoñer dunha información fiable e actualizada coa que compatibilizar de xeito sustentable o esforzo pesqueiro e a explotación dos recursos mariños da frota radicada en Galicia. Ademais, é un dos piares sobre o que se asentan as aplicacións informáticas que se empregan para a emisión das declaracións de alternancia das embarcacións de artes menores2, dos documentos que amparan o transporte dos produtos pesqueiros dende o punto de descarga ata a lonxa/centro autorizado de primeira venda3 e da correcta cobertura das notas de venda4.

O obxectivo desta publicación é difundir o número e as principais características da frota galega dedicada a labores de pesca extractiva e de marisqueo da lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques que ten como base un porto da nosa comunidade autónoma. Ademais, ofrece información sobre as embarcacións auxiliares de pesca e de acuicultura pertencentes á lista cuarta do rexistro mencionado. En todos os casos, os datos están referidos a 31 de decembro.

Con esta publicación dáse cumprimento á operación estatística 32-101 Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma que aparece recollida no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 20155.

Estrutura da publicación

A publicación estrutúrase en catro capítulos, xunto co prólogo, a introdución e un último capítulo de anexos.

No primeiro capítulo realízase unha análise xeral da frota pesqueira galega, ofrecendo información sobre o número de embarcacións de 3.ª lista e as súas características principais: arqueo, eslora e potencia. Así como información da súa distribución territorial. O segundo, céntrase nas embarcacións de artes menores, por ser este o colectivo cuantitativamente máis relevante na nosa comunidade. Como novidade este ano, ofrécense informes referidos á totalidade deste colectivo de embarcacións no referente ás súas características e distribución. Ademais, ofrécese información relativa ás embarcacións que teñen autorizadas determinadas artes como artes de anzol, marisqueo, artes menores de cerco, enmalle e nasas. Cómpre ter en conta que un mesmo buque pode ter autorizadas ata cinco artes, polo que nos informes de desagregación ofrecidos por grupos ou segmentos de artes, a suma das distintas categorías non coincidirán co total de embarcacións.

No terceiro capítulo, a información céntrase no colectivo das embarcacións de cerco do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, por ser este o censo máis numeroso despois do de artes menores. No cuarto, reflíctese a cuantificación e as principais características das embarcacións de cuarta lista.

Principais resultados

O número de embarcacións inscritas no rexistro o 31 de decembro de 2014 eran 4.506 en terceira lista e 1.272 en cuarta lista.

No referido ás embarcacións de terceira lista, buques de pesca extractiva e marisqueo, o cómputo global de 2014 amosa a continuidade na tendencia de moderado descenso anual dos últimos anos, cunha diminución con respecto a 2013 do 1,68 % das embarcacións. A maior caída en termos relativos dáse nas pesqueiras comunitarias (-12,64 %) e nas internacionais (-5,04%). As embarcacións do caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste diminúen un 1,37 % e, dentro de estas, as de artes menores un 1,17%.

Na frota pesqueira galega, destaca o segmento da frota de artes menores cunha cifra de 3.970 embarcacións. Estas son embarcacións de pequeno porte, cunha eslora media de 6,33 metros, que se dedican a unha pesca multiespecífica por medio dunha ampla variedade de artes que utilizan en función da especie obxectivo. A arte con maior presenza no colectivo é o marisqueo dende embarcación, arte autorizada para o 65 % das embarcacións de artes menores.

No que respecta ás embarcacións auxiliares de pesca e acuicultura mantéñense constantes en número con respecto ao 2013. Isto non significa que durante o período non houbese altas e baixas de embarcacións de este tipo, pero o resultado a 31 de decembro mantívose constante. Xeograficamente, esta frota concéntrase na zona III-Arousa (70,05%), na zona VII-Coruña-Ferrol (12,58%) e na zona I-Vigo (8,18%).



1O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia creouse no ano 1991 mediante o Decreto 232/1991, do 4 de xullo, polo que se crea o Rexistro de Buques de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de Galicia (DOG núm. 133, do 12 de xullo de 1991). Ten por obxecto asentar todas as incidencias, situacións e modificacións da vida dos buques: altas, baixas, cambios de base ou de titularidade ou cambios nas características estruturais. Na actualidade, as normas que regulan o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia son: 2Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 215, do 4 de novembro de 2004), modificada.
3Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos (DOG núm. 52, do 13 de marzo de 2008), modificada.
4Orde do 7 de febreiro de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca (DOG núm. 40, do 26 de febreiro de 2008), corrixida.
5Decreto 164/2014, do 26 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (DOG núm. 250, do 31 de decembro de 2014).