Rexistro de Buques Pesqueiros 2011



Introdución


Nesta publicación represéntase a situación administrativa do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia a 31 de decembro do 2011. Este rexistro, que se atopa dispoñible para a súa consulta na Plataforma Tecnolóxica da Pesca www.pescadegalicia.com, da soporte a diversas aplicacións que apoian a xestión diaria dos recursos pesqueiros e a toma de decisións estratéxicas.

Na información presentada nesta edición obsérvase que desde o punto de vista administrativo a situación da flota galega non cambiou significativamente respecto de exercicios anteriores. O aspecto máis notable digno de salientar xurde con motivo da nova lexislación que aplica as artes de pesca, de tal forma que os contidos da publicación foron redeseñados para adaptarse ás novidades normativas. Así, nalgúns casos, ao incorporarse ao catálogo de artes permitidas novas situacións, nos datos presentados non tiñamos referencia de datos históricos para permitir comparar situacións. Este é o caso de, por exemplo, a nasa para nécora e camarón.

A información actualizada día a día do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia pódese consultar na Web www.pescadegalicia.com. Neste sitio recóllese a situación administrativa da flota.

Estrutura do libro

A estrutura da publicación mantense respecto de publicacións anteriores. Así, na primeira parte da mesma preséntase de xeito xeral a situación da flota dedicada á pesca por caladoiros, provincias, zonas de produción, tramos de eslora, arqueo e potencia.

A segunda parte da publicación centra o análise na flota de artes menores, a máis significativa en canto ao número de unidades. Así, preséntase a información dos principais grupos de artes así como de aquelas que pola súa significación se consideraron de especial interese. Convén notar que nesta parte da publicación, dado que pola normativa autonómica que regula a alternancia de artes un mesmo buque pode constar en dos ou máis grupos de artes, sucede que nos informes de desagregación por grupos ou segmentos de artes os datos consolidados non se corresponden coa suma dos datos desagregados, posto que a mesma unidade pode contabilizarse en dous grupos de artes diferentes.

Na parte final da publicación, preséntase a información dos buques de cerco do Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste, pola súa especial significación en canto ao número de unidades.

Con esta edición de 2011 dáselle a axeitada divulgación á información de carácter oficial recollida pola operación estatística 32101 "Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma".