Anuario de pesca 2014



Introdución


O Anuario de Pesca constitúe un medio de difusión dos principais datos estatísticos da primeira venda de produtos pesqueiros frescos que é realizada anualmente nas lonxas galegas. Nesta publicación recóllense os datos das operacións de venda levadas a cabo nas lonxas galegas durante o ano 2014 e que representan máis de tres millóns e medio de transaccións comerciais.

Diariamente na Plataforma Tecnolóxica da Pesca realízase unha actualización e primeira validación dos datos recibidos, que permite a súa publicación provisional na páxina web. Posteriormente, ao longo do ano realízase un traballo de revisión e validación destas transmisións que implica unha fluída comunicación co persoal das lonxas para a súa consolidación definitiva. Rematada esta fase, procédese á confección do anuario mediante a construción das diferentes táboas de datos e realización dos gráficos asociados.

Con esta publicación dáse cumprimento á operación estatística 32-301 Estatística da primeira venda de produtos pesqueiros frescos e á actividade estatística AE402 Anuario de pesca que aparecen recollidas no Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2015 1.

Estrutura da publicación

A publicación estrutúrase en catro capítulos, xunto co prólogo, a introdución e un último capítulo de anexos.

No capítulo 1 preséntanse os datos para os diferentes grupos biolóxicos: algas, moluscos bivalvos, moluscos cefalópodos, moluscos gasterópodos, crustáceos, equinodermos, peixes, poliquetos e o resto das descargas. Ofrécese a posibilidade de desagregar os datos desde o ámbito xeral de grupo biolóxico ata o nivel de detalle de especie a medida que se profunda no capítulo. Ademais, combínase a visión por grupo biolóxico coa visión temporal da información.

O capítulo 2 recolle a información sobre a distribución xeográfica das vendas con dúas visións principais: por provincias e por zonas administrativas de produción, estas poden consultarse no anexo I da publicación. En ambos os dous casos, preséntase a información de cada zona xeográfica detallada por grupos biolóxicos e lonxas onde se producen as vendas. Deste xeito poden compararse as especificidades de cada zona con relación aos grupos de especies comercializadas.

A situación das especies de maior representatividade comercial trátase no capítulo 3, onde se establece unha clasificación segundo o volume comercializado en quilogramos e o valor en euros das vendas. Para cada unha das principais especies preséntanse unha ficha individualizada coas vendas por zona administrativa, evolución anual das vendas e principais lonxas con vendas.

O capítulo 4 céntrase nas lonxas como centros de venda co obxecto de focalizar a importancia da súa actividade, así como as especies que se comercializan a través delas. Para isto, establécese unha clasificación en función do volume comercializado e o valor das vendas de cada lonxa, e preséntase unha ficha de cada lonxa coa principal información.

Principais resultados

No ano 2014, as vendas de produtos pesqueiros frescos realizados nas lonxas galegas superaron as 187.000 toneladas e os 430 millóns de euros. As especies máis importantes en termos de facturación foron a pescada, o peixe sapo, os rapantes, o xurelo, o lirio e o polbo. Seguidos da ameixa fina e ameixa babosa.

En canto á distribución por lonxas, as lonxas que tiveron unha maior facturación no 2014 foron a de Vigo, A Coruña, Burela, Celeiro, Ribeira e Cedeira.

1Decreto 164/2014, do 26 de decembro, polo que se aproba o Programa estatístico anual da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (DOG núm. 250 do 31 de decembro de 2014).