Anuario de pesca 2009



Grandes grupos biolóxicos


Neste capítulo darase una revisión do comportamento dos grupos biolóxicos máis representativos na actividade comercial levada a cabo nas lonxas galegas. As tres variables que se terán en conta son as cantidades vendidas, o importe de facturación alcanzado e o prezo medio anual de cada grupo; nalgún caso coméntase en detalle a incidencia no comportamento do grupo daquelas especies máis representativas.

Peixes

  • Cantidades: como xa se ten recollido nas anteriores edicións, os peixes representan máis do 85% do total dos quilos vendidos en lonxa, en particular para este ano 2009 pódese considerar que son o 90% do total. No período de 2006 a 2008 as cantidades do grupo dos peixes roldaba as 150 mil toneladas, para o ano 2009 superouse esa media en 26 mil toneladas. As especies que ocasionan esta subida son a pescada, xurelo, xarda, lirio, xarda pintada e os rapantes.
  • Importes: despois de que en 2007 se chegara ao nivel máis alto de ingresos, comezan a minguar estes ingresos en 2008 e 2009; aínda así neste ano conséguese manter o valor global por riba dos 300 millóns de euros. Destaca a importante caída da pescada, seguida da raias, rapantes e peixe sapo; pola contra, teñen un comportamento moi positivo a sardiña, o bonito do norte, a castañeta e o xurelo.
  • Prezo medio: o prezo medio dos peixes descende 0,36€/quilo. O descenso por especies é xeneralizado, así en 45 especies o prezo mingua, en 5 mantense e en 22 mellora con respecto a 2008.
  • Un terzo das vendas de peixes correspóndense con capturas de buques de arrastre de litoral; preto do 25% corresponden á frota de cerco que traballa no caladoiro nacional; o 16,61% correspóndese con capturas da frota que traballa en augas comunitarias e o 4,21% coa frota de artes menores.

    Bivalvos

  • Cantidades: despois de que no ano 2006 as cantidades se situasen por debaixo das oito mil toneladas, nos dous anos seguintes superáronse as dez mil toneladas. En 2009 tivo lugar un novo descenso, situándose preto das nove mil toneladas. As especies causantes deste descenso son en maior medida o berberecho e a ameixa xaponesa.
  • Importes: a liña ascendente, que comeza a partir de 2006, queda truncada en 2009 en que os importes xerados por este grupo caen por debaixo dos setenta millóns de euros. Esta caída está xustificada nos descensos da ameixa xaponesa (máis de catro millóns de euros), o berberecho (3,8 millóns de euros) e a ameixa fina; por outra banda, a ameixa babosa sobe preto do 1,4 millóns de euros.
  • Prezo medio: para este grupo prodúcese un aumento do prezo medio en 0,71€/quilo. Este valor soamente é superado polo prezo medio do ano 2006.
  • Nesta edición de 2009 preséntase unha variación con respecto aos anos anteriores, posto que deste grupo de bivalvos retírase a mexilla vendida, por medio de convenio, polas organizacións ou confrarías ao produtores de mexillón. Esta situación atópase actualizada para os datos que se amosan na Plataforma tecnolóxica da pesca (www.pescadegalicia.com), e débese ter en conta cando se fagan comparacións do grupo cos anos anteriores a esta edición.

    As tres quintas partes das cantidades de bivalvos achegadas ás lonxas proceden das embarcación que se dedican ao marisqueo e o os dous quintos restantes proceden do marisqueo a pé; o reparto de ingresos é moi similar ás cantidades. O prezo medio é un pouco mellor no caso dos bivalvos capturados polo marisqueo a pé, principalmente debido á presenza da ameixa fina e da coquina.

    Cefalópodos

  • Cantidades: ten un comportamento similar ao do grupo dos bivalvos. En 2006 os resultados alcanzan as sete mil cincocentas toneladas; nos dous anos seguintes supéranse as nove mil cincocentas toneladas; mais en 2009 ten lugar un descenso ata as oito mil trescentas toneladas. As especies que presentan o maior descenso son a pota pequena, o polbo e o polbo cabezón.
  • Importes: descenso importante dos ingresos procedentes da venda de cefalópodos. O polbo é o causante da maior parte desta caída ao descender máis de 6 millóns de euros.
  • Prezo medio: o prezo medio dos cefalópodos para o ano 2009 redúcese en 0,28 €/quilo, situándose soamente por riba dos valores alcanzados en 2005 e en 2006.
  • Hai que lembrar que un ano máis a captura de polbo en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia estivo sometida a paralización temporal.

    Crustáceos

  • Cantidades: desde que en 2005 alcanzaran as dúas mil catrocentas toneladas comezou unha tendencia descendente que se continúa no ano 2009, no que se superan lixeiramente as mil cincocentas toneladas. A cigala e o percebe aparecen como as especies que tiran desa caída; por outra banda, débese destacar o papel da centola que incrementa as súas vendas en algo máis de cincuenta mil quilos.
  • Importes: cinco especies (camarón, centola, nécora, cigala e percebe) achegan o 80% dos ingresos. En canto á súa evolución, está a suceder o mesmo que para as cantidades: hai unha liña de descenso que comeza no ano 2005 e que en 2009 continúa. Tanto o percebe como a cigala teñen unha caída de máis de dous millóns de euros respectivamente. Tal como xa se comentou, a centola tivo un comportamento positivo que se reflectiu nun aumento de máis de douscentos mil euros.
  • Prezo medio: importante caída do prezo medio neste grupo, chegando a minguar 2,67€/quilo.
  • Máis da metade das vendas son realizadas pola frota de artes menores, a composición das capturas e por orde de prelación: 43,09% centola, 27,44% percebe, 15,37% nécora e 10,70% camarón común.

    Equinodermos

  • Cantidades: nos últimos anos as cantidades comercializadas estiveron sempre por riba das 700 Tm, pero en 2009 ten lugar un importante descenso acumulándose vendas por 432 Tm.
  • Importes: o descenso en cantidades tamén se recolleu nos ingresos que descenderon en máis de setecentos mil euros.
  • Prezo medio: malia este comportamento descendente das cantidades e dos importes, o prezo medio en dous equinodermos segue subindo, aumentando en 0,15€/quilo.