Anuario de pesca 2008



Lonxas


A continuación amósanse, de entre os 63 centros autorizados para a primeira venda de pesca fresca en Galicia, as entidades clasificadas e ordenadas atendendo a dous criterios: o maior volume de vendas e de facturación.

Hai que comentar o peche da vendeduría do Grove, polo que a partir de agora toda a información é da lonxa do Grove; deste xeito, para comparar evolucións cos anos anteriores cómpre sumar os valores dos dous centros de venda. Así mesmo, en 2008 a lonxa de Corme non transmitiu notas de primeira venda.

As vendas nas lonxas galegas subiron no ano 2008, a pesar da folga do pasado mes de xuño, motivada polo encarecemento do prezo dos carburantes.

CADRO DE LONXAS SEGUNDO AS CANTIDADES VENDIDAS

As cinco lonxas con maior volume de vendas e ingresos seguen a ser: Vigo (Asociación de Vendedores), Ribeira, A Coruña (Lonja Coruña, S.A.), Burela e Celeiro. Trátase de lonxas situadas en portos base coa frota de maior porte, e que polo tanto faenan en caladoiros afastados. Ademais atraen, cada vez máis, as descargas de portos próximos, o que fai que aumente a tonelaxe vendida.

Nesta relación vemos como novidade respecto ao ano pasado a incorporación da lonxa de Rianxo, polo grande incremento das vendas de berberecho, do que depende máis da metade dos seus ingresos, procedentes case todos do marisqueo. Así mesmo, entre as que máis subiron respecto a 2007 están a lonxa de Bueu, pola xarda e o polbo; Portosín, polo xurelo e a xarda pintada, e Cambados, polo berberecho.

Entre as que máis caeron atopamos, como xa sucedía no ano 2006, as lonxas situadas en portos con frota dedicada á captura de especies peláxicas, tales como Sada, Malpica e Camariñas, non só pola caída das descargas, senón tamén polo desprazamento do produto ata lonxas de maior entidade, como a do Porto da Coruña.

CADRO DE LONXAS SEGUNDO OS INGRESOS

Nas cinco lonxas principais, vemos que os prezos medios son menores que en 2007. Isto, axudado pola caída da cantidade vendida en Celeiro e Burela, fai que os importes descendan, coa excepción da lonxa de Ribeira.

A crise económica xeral e o incremento do prezo do gasóleo ata setembro de 2008 tiveron a súa repercusión na baixada de prezos en lonxa no ano 2008.