Anuario de acuicultura 2014



Acuicultura mariña


O volume de produción, o valor económico da mesma e a evolución das distintas especies que cultivamos na nosa Comunidade é una valiosa información para as empresas acuícolas, e que os profesionais do sector teñen a súa disposición puntualmente en pescadegalicia.com.

Para sintetizar e compilar eses datos, un ano máis publicamos o Anuario da Acuicultura de Galicia, unha valiosa ferramenta que se une á plataforma dixital, para ofrecer unha información que facilite a toma de decisións a produtores e administración.

Galicia conta con preto de 2.700 empresas de acuicultura, entre bateas, parques de cultivo, granxas e criadeiros, que dan traballo a máis de 6.400 persoas. A produción acuícola superou as 246.000 toneladas cun valor de máis de 171 millóns de euros no ano 2014, o que dá unha idea da importancia socioeconómica deste sector en Galicia.

A nosa Comunidade autónoma encabeza a produción acuícola en España e, ademais, é a primeira rexión comunitaria nos cultivos mariños. Neste eido destaca a produción do mexillón, no que somos un referente mundial. Sen dúbida, o sector mitilicultor, que a pesar de sufrir ao longo dos anos 2012 e 2013 as consecuencias naturais das biotoxinas, veu no 2014 unha recuperación significativa, que supuxo un incremento superior ao 27% na produción e ao 15% no valor económico respecto do ano anterior, acadando as mellores cotas desde 2006 no que a produción se refire.

Neste senso, a importancia da miticultura vese reflectida en todas as ordes da acción da administración e contou desde o ano 2009 co apoio decidido desta, como o evidencian as decisións adoptadas no eido desta actividade, como a ‘posta a cero’ dos contadores das concesións das bateas para dar seguridade xurídica e estabilidade aos produtores, ou o investimento para paliar a redución da produción por mor da marea vermella.

Xa que logo, a acuicultura ten un forte presente e unha enorme proxección de futuro e, consciente diso, a Xunta Galicia emprendeu diversas accións no 2009, coa finalidade de continuar liderando este sector económico en España e na Unión Europea.

Entre esas medidas atópanse dous referentes fundamentais como son a redacción da Estratexia Galega de Acuicultura, que xa forma parte do Plan Estratégico Plurianual de Acuicultura Española 2014-2020 e en cuxo enfoque estratéxico fomos pioneiros a nivel europeo; e a Lei de Acuicultura de Galicia, que actualmente se ultima para a súa remisión ao Parlamento Galego, constituíndo un fito que permitirá adecuar as disposicións normativas a unha actividade que en Galicia comprende vantaxes e condicionantes senlleiros.

E é que o futuro da acuicultura ven avalado polo apoio financeiro e normativo da Comisión Europea, xunto ás previsións da FAO sobre o crecemento da demanda no mundo nos vindeiros anos. Así, a nova PPC fomenta a acuicultura a través do FEMP e propón unha serie de pautas e obxectivos a desenvolver polos estados membros e as súas comunidades e rexións.

O acceso ao espazo e a simplificación da burocracia; o incremento da competitividade e a xestión da calidade; a sostibilidade ambiental e a mellora do mercado e a distribución conforman a estrutura básica sobre a que se debe construír o futuro da acuicultura en Europa.

Porque o futuro dos alimentos mariños escríbese a partir do binomio acuicultura-pesca, as dúas categorías deben complementarse para dar unha resposta adecuada á crecente demanda destes produtos e a sostibilidade dos nosos mares e océanos, o que debe ser unha responsabilidade e un compromiso de todos.

Estou segura de que a publicación do Anuario de Acuicultura Mariña de Galicia 2014 será de utilidade para todos os produtores, empresas e profesionais da acuicultura, así como para os cidadáns en xeral e nos permitirá acometer con mellores coñecementos esa liña de futuro na que queremos inserir esta actividade en Galicia.

Para rematar, quero amosar o meu agradecemento ás empresas e produtores acuícolas polos datos facilitados puntualmente, sen os cales este traballo sería inviable, e a miña felicitación ao Servizo de Análise e Rexistro da Secretaria Xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar, polos esforzos realizados para reunir nesta publicación dun xeito áxil, sinxelo e accesible unha información de interese para a actividade acuícola.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar