Anuario de acuicultura 2013



Acuicultura mariña


Que a acuicultura se revelou nos últimos lustros coma unha actividade en puxanza non é unha crenza apócrifa. A importancia crecente do cultivo e cría de produtos do mar é un feito probado que pon enriba da mesa un crecemento anual mundial do 8,8% desde 1970. Galicia, como é unha comunidade vinculada de forma indisoluble ao traballo marítimo-pesqueiro, non foi allea a este crecemento, ademais foi parte activa desa fonte de alimentos que achega o 50% dos bens de orixe mariña para consumo humano.

No futuro xúrdenos un reto importante, logo de ver a importancia da necesidade de cubrir unha demanda, expresada pola FAO, de 37 millóns de toneladas de produtos do mar de cara a 2030 e a necesidade de cumprir cunha observancia do rendemento máximo sostible dos nosos caladoiros. Ese reto tráenos oportunidades e non debemos perder ese tren de futuro que ten a súa vía por lugares chamados emprego, riqueza e progreso.

Iso si, debemos transitar por ese camiño dunha maneira ordenada, planificada e, sobre todo, sostible. Iso é o que nos indica a Unión Europea cando na nova Política Común de Pesca sinala que a acuicultura debe contribuír a preservar o potencial de produción de alimentos en todo o territorio da Unión sobre unha base sostible, a fin de garantirlles aos cidadáns da Unión a seguridade alimentaria a longo prazo, incluído o subministro de alimentos, así como o crecemento e o emprego, e contribuír a satisfacer a crecente demanda mundial de alimentos de orixe acuática.

Xa que logo, se temos en conta este campo de xogo que nos deixa o marco internacional, e co aproveitamento das nosas condicións naturais para os cultivos mariños, cómpre desenvolver a planificación da acuicultura e levar á alza aquelas producións con potencial de crecemento nos termos expresados.

Neste sentido, planificar camiños e alternativas é fundamental se queremos evitar a fonda pegada negativa que en anos coma o pasado tiveron as influencias de fenómenos naturais adversos. Así, a caída da produción nun 18% non puido ser freada nin sequera pola alza relativa de prezos, que nos levou a unha minoración de facturación dun 12%.

Galicia fixo os deberes moito antes de que a Unión Europea os dispuxese, e hoxe pode partir cara adiante coa programación establecida e coa bagaxe da experiencia e do saber facer. Nese percorrido tamén terán protagonismo o intercambio de información e boas prácticas entre rexións e estados, e nesa liña tamén Galicia está a avanzar da man de importantes potencias da acuicultura.

Pero acadar ese partenariado de primeira fila só se consegue demostrando ser punteiros neste campo acuícola. Producir moito e ben é un sinal de identidade que Galicia acada grazas ao traballo de moitos homes e mulleres que día a día fan da piscicultura e da mitilicultura un labor exemplar.

A Xunta de Galicia, pola súa parte, compendia esa faena diaria en forma de estatística e pona ao alcance da sociedade na forma deste volume que hoxe olla vostede. Aínda que sexa unha fotografía retrospectiva dun labor anual, debemos ter a satisfacción de sacar adiante un elemento que nos dá a imaxe no presente do que fixemos no pasado, pero que nos serve para marcar o rumbo ao futuro.

É un traballo de todos e todas. É un traballo de Galicia.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Medio Rural e do Mar